Falece aos 81 anos o fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado

O fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado faleceu esta sexta feira aos 81 anos. O deceso foi confirmado en redes sociais polo Instituto Terra, fundado por Salgado, mediante un comunicado.
O fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
O fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado faleceu esta sexta feira aos 81 anos. O deceso foi confirmado en redes sociais polo Instituto Terra, fundado por Salgado, mediante un comunicado: "Sebastião morreu como un dos mellores fotógrafos do noso tempo. Xunto á súa compañeira de vida, Lélia Deluiz Wanick Salgado, sementou esperanza onde había devastación e fixo florecer a idea de que a restauración ambiental é tamén un xesto profundo de amor pola humanidade", sinalou a institución.

"A súa lente revelou o mundo e as súas contradicións, a súa vida, o poder da acción transformadora", engadiu o instituto nun comunicado que lembrou o fotógrafo non só como fundador, senón como "mestre e eterno inspirador".

A Academia de Belas Artes francesa, institución á que pertenceu Salgado desde 2016, cualificou a Salgado como "gran testemuña da condición humana e do estado do planeta". O fotógrafo residía en Francia e estivo o ano pasado en Barcelona (Catalunya) para presentar a súa exposición Amazonía.

Activista ambiental

Coñecido polo seu manexo da fotografía en branco e negro, de gran formato e con retratos de impacto no corazón da selva, tamén foi coñecido polo seu activismo en favor do ambiente e a biodiversidade na Amazonía. O Instituto Terra, que fundou canda Lélia, plantou catro millóns de árbores no seu afán de recuperar os bosques e o ecosistema.

"Até o momento, co noso proxecto de reforestación, recuperamos ao redor de 2.000 mananciais", declaraba o ano pasado nunha entrevista concedida a un medio alemán. "O bosque subtropical volveu á rexión, a auga fresca flúe e a fauna que adoitaba ser autóctona volveu estabelecerse no seu lugar de orixe", engadía.

Detractor do acordo Mercosur-UE

Nesa liña, foi un férreo detractor do acordo de libre comercio que aínda se negocia entre o Mercado Común do Sur (Mercosur), ao que pertence o Brasil, e a Unión Europea (UE). No seu criterio, de asinarse o pacto, a selva amazónica sería deforestada e "utilizada para crear gandarías e cultivos".

"A situación mundial, desafortunadamente, non é moi prometedora. As persoas xeran incendios na Amazonia, en Nova Guinea, en Indonesia. Estamos a destruír a natureza en todos lados. Mais necesitamos a natureza e necesitamos as árbores. Teño a esperanza de que as persoas algunha vez comprendan que debemos terminar coa destrución do noso planeta", expresou.

Salgado, distinguido coa Medalla de Ouro da Real Sociedade Británica de Fotografía, tamén foi recoñecido co Príncipe de Asturias das Artes, o premio Eugene Smith de Fotografía Humanitaria e o Gran Premio Nacional do Ministerio de Cultura francés, entre outros galardóns de grande sona.

Comentarios