Festival de Benidorm: Tanxugueiras, favoritas nas enquisas, brillan na final

As Tanxugueiras tentarán convencer esta noite ao xurado e a audiencia de que 'Terra' merece un billete a Eurovisión.
Actuación das Tanxugueiras este sábado (Foto: @arealities).
photo_camera Actuación das Tanxugueiras este sábado (Foto: @arealities).

O que comezou hai uns meses como unha ilusión pode tornar na noite deste sábado en realidade. As Tanxugueiras, após superaren a súa semifinal coa segunda maior puntuación grazas ao televoto e o voto demoscópico, volveron interpretar 'Terra' no escenario do Festival de Benidorm.

Fixérono na segunda quenda, tras o rapeiro Rayden con quen as pandeireteiras veñen de publicar o tema 'Averno'—. Séguenos Varry Brava, Chanel, Rigoberta Bandini, Xeinn, Gonzalo Hermida e Blanca Paloma.

Segundo unha enquisa publicada minutos antes de que principiase a final por Electomanía, as Tanxugueiras serían as favoritas de 46,4% das persoas enquisadas en todo o Estado, con máis de dez puntos de vantaxe sobre a seguinte artista, Rigoberta Bandini (34,2%). Chanel, con 11,3%, ficaría terceira.

Así, segundo esta mesma sondaxe, as Tanxugueiras gañarían na Galiza, Asturies, Cantabria, Nafarroa, València, Alacant, Teruel, Granada, Tarragona, Tenerife, León, Zamora, Salamanca, Burgos, Huelva, Badaxoz e A Rioxa.

Por outra parte, o portal especializado no certame Eurovision World vén de publicar unha sondaxe, na que participaron máis de 28.000 persoas de todo o continente europeo, que eleva as galegas á primeira posición con 47% dos votos, cunha ampla vantaxe sobre a seguinte mellor valorada, Rigoberta Bandini, con 17%, e Chanel, con 11%.

Como funciona o sistema de voto

O sistema de voto é o mesmo que xa se utilizara nas semifinais. Así, 50% da puntuación corresponde ao xurado profesional, composto polas xuízas españolas Natalia CalderónMiryam BeneditedEstefanía García e os internacionais Marvin Dietmann e Félix Bergsson. A outra metade divídese a partes iguais entre o televoto e o voto demoscópico.

Cómpre lembrar que as Tanxugueiras obtiveron na semifinal 38 puntos do xurado —ficando en quinta posición—, 25 do demoscópico —segundas— e 30 do televoto —a maior puntuación—.

Cada un dos membros do xurado outorgará na final 12, 10, 8, 7, 6, 5, 4 e 2 puntos, respectivamente. Aliás, a través do televoto concédense 30, 25, 20, 18, 15, 12 ,10 e 5 puntos, os mesmos que no demoscópico.

Comentarios