Tanxugueiras, as candidatas "da xente": estas son as súas opcións en Benidorm

As enquisas, o elevado seguimento do Festival de Benidorm na Galiza —líder no Estado durante a retransmisión— e a diferenza de sufraxios emitidos por 'televoto' entre a semifinal das Tanxugueiras (45.000) e a da quinta feira (17.500) convidan ao optimismo de cara a unha final sobre a que pairan as acusacións ao xurado.
Votos recibidos por cada artista na semifinal da cuarta feira do Festival de Benidorm (Infografía: Nós Diario).

#tanxugueiras #benidorm #eurovision
photo_camera Votos recibidos por cada artista na semifinal da cuarta feira do Festival de Benidorm (Infografía: Nós Diario).

A Galiza, aliás, foi o territorio do Estado cun maior share —cota de pantalla— na retransmisión da primeira semifinal do Festival de Benidorm, 24,3%, isto é, que un de cada catro televisores da Galiza sintonizaron o certame. O seguimento tamén foi alto, mais menor que no país, en Murcia (16,6%), País Valencià (15,8%), Castela e León (12,8%) e Madrid (12,2%).

E hai outro dato que cómpre salientar a respecto da actuación das Tanxugueiras: na súa semifinal, a da cuarta feira, recibíronse arredor de 45.000 votos a través do sistema de 'televoto', case tres veces máis que na segunda semifinal (perto de 17.500). Ao celebrarse a final en horario de máxima audiencia dun sábado, non é estrano agardar que a participación do público desde as súas casas sexa aínda maior.

Polémica coa votación da semifinal

Malia obteren a puntuación máis alta no 'televoto' —25% do total— e a segunda maior no voto demoscópico —con base nunha enquisa realizada previamente, tamén 25%—, o xurado profesional, composto por Natalia CalderónMiryam BeneditedEstefanía GarcíaMarvin Dietmann e Félix Bergsson, relegounas á quinta posición, polo que terían ficado fóra da competición de ter sido este o único voto a valorar —valía 50%—.

A respecto desta cuestión, as redes sociais fixéronse eco ao longo da xornada dunha táboa de puntuacións na que se desglosa, presuntamente, o voto de cada membro do xurado profesional.

Os dous xuíces internacionais terían outorgado ás galegas a maior puntuación; os españois, a máis baixa

De confirmarse esta suposición, sobre a que RTVE aínda non se pronunciou, os dous xuíces internacionais terían outorgado ás pandeireteiras a maior puntuación (22 puntos entre ambos os dous), mentres os tres españois, pola contra, teríanlles dado a máis baixa (5, 5 e 6 puntos respectivamente).

As opcións na final

Mais, á marxe desta cuestión, polo de agora reducida a rumor ante a falta de verificación, a conclusión que si pode extraerse da xornada da cuarta feira é que as Tanxugueiras son as favoritas do público xeral: foron as únicas que recibiron máis puntos entre o 'televoto' e o voto demoscópico que do xurado.

Por outra parte, o portal especializado no certame Eurovision World vén de publicar unha sondaxe, na que participaron máis de 26.000 persoas de todo o continente europeo, que eleva as galegas á primeira posición con 48% dos votos, cunha ampla vantaxe sobre a seguinte mellor valorada, Rigoberta Bandini, con 17%, e Chanel, con 11%.

As casas de apostas de Europa, pola contra, quizais tendo en conta o voto emitido polo xurado profesional, teñen unha visión distinta: dan 42% de posibilidades de gañar a Rigoberta Bandini, en comparanza con 28% de Chanel e 11% para Tanxugueiras.

Comentarios