Isabel Aguirre, arquitecta: "Na Galiza hai moito 'bonitismo' e diso é do que se debería falar, non de feísmo"

Nunha recente enquisa universitaria entre estudantes de Arquitectura, o nome de Isabel Aguirre Urcola saíu como a arquitecta galega máis influínte. O seu traballo como docente na Universidade da Coruña e a súa obra ben merecen ese recoñecemento. Parte del veu en forma de premios como o Estatal de Arquitectura Manuel de la Dehesa en 1997 ou o Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico polo seu traballo de recuperación paisaxística da contorna do Mosteiro de Caaveiro (Monfero). Anima as futuras xeracións a traballar e convencer.
Isabel Aguirre (USC)
photo_camera Isabel Aguirre (USC)

Nunha recente enquisa universitaria entre estudantes de Arquitectura, o nome de Isabel Aguirre Urcola saíu como a arquitecta galega máis influínte. O seu traballo como docente na Universidade da Coruña e a súa obra ben merecen ese recoñecemento. Parte del veu en forma de premios como o Estatal de Arquitectura Manuel de la Dehesa en 1997 ou o Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico polo seu traballo de recuperación paisaxística da contorna do Mosteiro de Caaveiro (Monfero). Anima as futuras xeracións a traballar e convencer.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

Hai dous para min importantes. Un é o Parque de Bonaval en Compostela, que fixen con Álvaro Siza, outro é o parque Oeste Val Grande de Lisboa. 

Que lle di a verba “feísmo”?

É unha palabra que non me gusta nada. Para min é unha palabra que non se debería nin de utilizar nin de aplicar. Fálase moitas veces de feísmo con exemplos simplemente de descoido ou de sucidade. Feísmo non ten relación co que se quere identificar. Na Galiza hai moito bonitismo e diso é do que se debería de falar. 

Especialistas noutras materias, como a economía, din que a situación que estamos vivindo de crise sanitaria e estado de alarma mudará o futuro. Acontecerá o mesmo coa arquitectura? 

Máis ben é unha esperanza de que se modifiquen algúns elementos moi importantes. Que se teñan en conta os criterios medioambientais e os relacionados coa loita contra o cambio climático que é unha das cuestións máis graves e fundamentais que debemos afrontar nesta sociedade. Eu agardo que se teña en conta. Estamos a falar, por exemplo, das infraestruturas verdes. Que realmente se poñan en marcha eses proxectos.

As inversións en verde aforran miles de millóns en saúde

Que se teña en conta a importancia da biodiversidade en calquera  profesión, desde a economía verde até o urbanismo verde é moi importante. Tense visto como a xente teimaba por saír pasear, por saír tomar o aire, por saír vivir en comunidade mais en ambientes en que se puidese gozar dun aire limpo e da natureza. Vai ser, agardo, unha necesidade cada vez maior. Nese sentido si creo que vai mudar, da mesma maneira que vai mudar o traballo a teletraballo, está claro. Eu fixen desde hai moitos anos o meu traballo a distancia e asombrábame sempre que non se fixese máis. Iso tamén vai mudar.  

Hai liberdade na súa profesión ou hai inxerencias económicas cando se realizan os proxectos?  

Non ten que ser máis caro facelo doutra maneira. Ao contrario, é máis económico. Un exemplo: entre pavimentar un espazo ou deixalo con terra natural compactada e plantar unhas árbores, é moito máis económico e máis san o segundo. Respecto a se arquitectas que, como é meu caso, teñamos certo prestixio e unha carreira longa poidan facer certas cousas penso que se poden facer desde o principio.

Hai que estar convencida de que o proxecto que se propón está ben feito. Será capaz de convencer o cliente, sexa administración, sexa un particular. Se non lle convence, non se debe de facer. Eu sempre lembro circunstancias nas que había discusión e custaba convencer mais se unha está convencida e as razóns son de peso, pódese facer desde o principio. O demais son desculpas para facelo mal.   

Como deben ser as vivendas do futuro?

Nos anos 30 comezouse co existential minimum que se falaba en Alemaña. Eran uns límites para as vivendas que se consideraban  aptos para vivir. E non son aptas para vivir, son aptas para durmir e ás veces nin iso. A ventilación, a orientación, a salubridade e a contorna onde se implanten as vivendas. Está estabelecido que unha vivenda ten que ter como mínimo a 300 metros un parque. Ese criterio que avalan os proxectos de infraestruturas verdes é primordial. Por outro lado esta ten que ter unha eficiencia enerxética, que non teña un alto consumo enerxético. As inversións en verde aforran miles de millóns en saúde.

Comentarios