Bengoetxea estrea en Vigo a historia das 'nenas da guerra'

O filme narra a historia das exiliadas.
A directora e guionista do documental, Helena Bengoetxea. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A directora e guionista do documental, Helena Bengoetxea. (Foto: Nós Diario)

Os Multicines Norte de Vigo acolleron onte un pase especial do documental Matrioskas: as nenas da guerra. Rematada a proxección decorreu un coloquio coa directora da obra, Helena Bengoetxea, nunha estrea-coloquio organizada pola Asemblea Republicana de Vigo e a Asociación de Amizade Galigo-Cubana Francisco Amil.

Matrioskas é a historia de exilio e loita que narra as experiencias de catro nenas que, en 1937, en plena Guerra Civil española, tiveron que marchar nun periplo vital que as levou desde distintos puntos do Estado español á Unión Soviética e, finalmente, tras a Segunda Guerra Mundial, a Cuba.

Teresa, Alicia, Araceli e Julia son as catro protagonistas desta historia; catro anciás nonaxenarias que esconden catro historias marcadas polo desleixo e o exilio. Os recordos da fame, o frío e a guerra mestúranse coa nostalxia por un fogar que as acolleu e que xa non existe.

Neste filme, Bengoetxea recolle os testemuños das últimas nenas da guerra superviventes cuxa "traxectoria e experiencia reivindican a memoria como xenealoxía feminina, xenealoxía que tamén conforma o que agora nós somos e onde estamos", explica a directora.

A longametraxe, a primeira produción da autora, foi presentada na 63ª edición do Festival Internacional de Cine Documental e Curtametraxe de Bilbao (Zinebi). O filme conta coa dirección de fotografía de Iñaki Alforja, a música orixinal de Pascal Gaigne e a montaxe de Joselu Castro e da propia directora Helena Bengoetxa. Este documental é unha coprodución do Estado español e Francia que contou coa axuda de diferentes institucións, como o Goberno de Euskadi e o de Nafarroa, entre outras.

A directora do filme, Helena Bengoetxa

A  directora do documental Matrioskas: as nenas da guerra, Helena Bengoetxea, é realizadora, deseñadora editorial e xornalista especializada no documental creativo, que estudou na Escola Internacional de Cine e Televisión de Santo Antonio dos Baños, en Cuba.

Bengoetxea é tamén directora e guionista de cinema de non-ficción, e xa levou a cabo diversas pezas audiovisuais para ONG ou museos con temáticas relacionadas con movementos sociais, como o feminismo, a memoria histórica ou a educación para o desenvolvemento.

Comentarios