O autor mantivo unha longa relación coa Galiza

Falece Llorenç Soler, pioneiro do cine militante

O documentalista valenciano Llorenç Soler faleceu en Barcelona aos 86 anos, deixando unha carreira cinematográfica dedicada a temas de contido social e cultural e aos problemas das minorías marxinadas.
O cineasta Llorenç Soler.
photo_camera O cineasta Llorenç Soler.

O cineasta valenciano Llorenç Soler, un dos precursores do cine documental independente, faleceu onte, aos 86 anos, na súa casa de Barcelona. 

Soler introduciuse da man de Juan Piquer Simón no mundo do documental, ao que non só se acabou dedicando, senón no que se transformou nun mestre interesado en cuestións sociais que transgrediron os convencionalismos da industria audiovisual. 

Iniciouse no chamado "cinema independente" dos últimos anos sesenta realizando películas como, entre outras, El largo viaje hacia la ira (1969) ou 52 domingos (1966) nos que reflectía as penurias dos mozos inmigrantes procedentes doutras partes do Estado en Barcelona . Nos anos setenta incorporouse ao coñecido como "cine marxinal" con películas como, entre outras: Noticiario RNA (1970) onde satiriza algunhas imaxes falsas do NO-DO como vehículo do adoutrinamento franquista ou Surviving Mauthausen (1975) sobre os españois que foron a este campo de concentración alemán. 

 

Na Galiza 

En 1976 vén á Galiza a filmar Primer seminario de arquitectura en Compostela, unha mediometraxe de encargo, e comeza unha longa relación co país, no que filma varias películas que seguen a ser vistas como modelos de cine militante. Xitanos sen romanceiro (1976) que documenta a construción dun proxecto habitacional para  un colectivo da comunidade Rom afincado en Poio; Autopista: unha navallada á nosa terra (1977), o documento dunha época de confrontación entre o poder  económico e institucional e os campesiños afectados por unha vía de comunicación que estragaba a súa forma de vida; Condenados a beber (1978) é un filme sobre o alcolismo que busca na tradición, na dureza da existencia e na organización do ocio as causas a esta adicción; O monte é noso (1978), un filme  contra o caciquismo e a emigración como causa da desaparición da propiedade e explotación do monte  mancomunado; ou, xa en 2009, A mirada de Ana (2009), un documental que revisita con  Anna Turbau os lugares e as persoas que configuraron o paso desta polo fotoperiodismo da Transición. 

No ano 2006 recibiu a Medalla de Ouro da Academia Galega do Audiovisual, un recoñecemento que se suma a outros moitos recibidos ao longo da súa delongada carreira. 

Comentarios