Banda deseñada e arte contemporánea conflúen nesta mostra no Auditorio da Galiza

A exposición inclúe traballos de artistas da BD e o fanzine galego como Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy e poderá ser visitada do 2 de abril ao 16 de xuño.
Rolda de presentación da iniciativa.
photo_camera Rolda de presentación da iniciativa.

A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio da Galiza, en Compostela, acolleu onte a inauguración da mostra #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega, unha exposición que pon a dialogar os traballos de creadoras galegas de banda deseñada e de fanzine para dar conta do seu potencial artístico e discursivo.

Até o 16 de xuño, Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy amosarán propostas heteroxéneas que abordan temas, códigos e desafíos estéticos ben actuais. A cotianidade, a saúde mental, o ecoloxismo, o humor, as relacións familiares, a precariedade laboral ou a igualdade de xénero atravesan os traballos destas seis creadoras galegas que conforman unha exposición marcada pola diversidade de fórmulas e de ollares.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou a mostra nunha rolda de prensa xunto ao seu comisario, Íñigo Rodríguez Román e a directora do programa de actividades ‘Mulleres en cadriños’ Neves Rodríguez.

En palabras da concelleira a mostra "convídanos a que recoñezamos e repensemos as propostas formais e discursivas que nos chegan dende esta área que a miúdo situamos nas marxes" e, continuou "cumpre unha vez máis co afán de servir de fiestra cara a propostas menos estandarizadas, na periferia dos circuítos expositivos máis convencionais, para abrirnos a ollada e o pensamento".

A mostra é o corazón do programa de actividades Mulleres en Cadriños, dirixido por Neves Rodríguez e concibido para pór en valor o traballo das mulleres galegas dentro da banda deseñada.

A dicir de Rodríguez, o programa "nace da necesidade de reivindicar a banda deseñada independente, os fanzines e os movementos de autoedición desde unha ollada feminina, centrada no traballo das mulleres artistas que traballan neste eido na Galiza". Pola súa parte, o comisario da mostra, Íñigo Rodríguez Román, remarcou que é "necesario que tanto o fanzine como a banda deseñada teñan o recoñecemento das institucións e achegar ao público esta forma de arte contemporánea". 

A mostra garda tamén lugar para a homenaxe a festivais e movementos de autoedición galegos activos na actualidade como Fun, fun fun movidote de autoedición (Santiago de Compostela), VaiaVaia (Lugo) e Autobán (A Coruña), a outros anteriores como No tengo mamá (Vigo) e a publicacións históricas como Xofre ou Barsowia. Ademais inclúe un espazo para a lectura libre de fanzines e unha sección ‘BD exquisita’ para que as persoas visitantes debuxen propostas que despois pasarán a ocupar tamén as paredes da sala.

Comentarios