Contracultura | 8-M

Raquel Senra: "Hai situacións moi normalizadas que nos deixan expostas no ensino, transporte ou discotecas"

Raquel Senra (Compostela, 1988) é a tradutora de 'Basta! Guía de autodefensa feminista para adolescentes (e máis...)', de María Kronsky e Marion Le Muzic; unha banda deseñada publicada pola editorial Hércules.
A tradutora Raquel Senra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A tradutora Raquel Senra. (Foto: Nós Diario)

—Cales foron os retos que enfrontou á hora de traducir unha banda deseñada?
Esta foi unha proposta que partiu da editorial. Boteille unha ollada á obra e pareceume que non había demasiada tradución dirixida a este público nin neste formato, polo que quixen aceptar o traballo. Creo que hai oco para este libro e que canto máis se trate arredor deste tema e se sensibilice a sociedade, mellor.

Eu só teño experiencia traducindo cómic ao inglés e unha proposta do castelán ao galego, para presentar a un concurso, mais nunca se chegou a publicar. Despois do grao, fixen un mestrado en libro ilustrado, polo que teño unha concepción global tamén da parte de creación de cómic. Gústame moito polo reto que supón esa relación entre a imaxe e o texto e que moitas veces te condiciona. Un exemplo moi típico é o de "it's raining cats and dogs", unha frase feita que utilizan en inglés para dicir que está chovendo a mares. Se na imaxe aparecesen gatos e cans caendo do ceo terías que buscar como facer un xogo de palabras que tivese sentido no noso contexto. É unha forma diferente de traducir.

—Tamén é unha obra que utiliza moitos insultos ou linguaxe coloquial.
A banda deseñada adoita reflectir moi ben a fala oral, ao contrario que pode acontecer noutros formatos. É certo que para determinadas expresións, insultos ou frases feitas, non se pode facer unha tradución literal. Algo que me axudou moito foi buscar recursos no audiovisual, porque tamén recolle moi ben os coloquialismos e as expresións malsoantes. Por outra banda, ao final do libro recóllense varios recursos que se poden utilizar ou aos que se pode acudir. Isto tampouco se mantivo, porque non tiña sentido, senón que se buscaron asociacións e entidades que estivesen aquí.

O que interesa é que a xente poida buscar información ou acceder a recursos de maneira doada. Hai cousas a nivel estatal que están ben, mais aquí temos unha rede de moitas entidades que traballan neste sentido e creo que está moi ben localizalo así.

—A obra define a autodefensa como algo que vai alén da defensa física e tamén valida moitas reaccións das vítimas, como a paralización ou a fuxida. Como analiza o contido da obra?
Aínda que é unha obra dirixida a adolescentes, eu mesma aprendín moitas cousas. É un libro que remove porque ves situacións que viviches na adolescencia ou incluso agora, de adulta, ou na túa contorna. Creo que é un libro que dá unhas claves moi acertadas para poder defenderte de maneira moi efectiva e creo tamén que se de rapaza eu tivese esta guía seguro que tería aforrado moitos sustos.

Ao final, aborda moitos escenarios diferentes nos que estamos expostas a situacións que están moi normalizadas, como son os centros educativos, o transporte público ou as discotecas. Ás veces incluso tampouco as identificamos. Por iso creo que é útil tamén para que o profesorado poida traballar nas aulas, tanto pola parte da vítima como pola parte de quen non o é e que tampouco ten interiorizado que esas situacións non son normais.

Un aspecto que tamén me resultou interesante foi o das redes sociais, porque quizais podemos atopar outros contidos ou outra literatura de hai anos que aínda poden axudar, mais non chegan a pór enriba da mesa estas situacións porque non se falaba tanto. Esta é unha obra de total actualidade e que pode axudar moito en diferentes contextos da vida cotiá.

Comentarios