Aurichu Pereira e Tareixa Navaza recibirán as distincións máis altas de Compostela

Ramón Baltar, Tareixa Navaza, Luís Pasín, Aurichu Pereira, Ezequiel Méndez, José Porto Buceta e Manuel Quintáns serán recoñecidos
Aurichu Pereira e Tareixa Navaza. (Foto: Nós Diairo / Arxina)
photo_camera Aurichu Pereira e Tareixa Navaza. (Foto: Nós Diairo / Arxina)

O Teatro Principal de Compostela acollerá a quinta feira 11 de abril o acto de recoñecemento e entrega das principais honras e condecoracións do Concello: as medallas de Ouro da cidade e os títulos de fillas predilectas ou adoptivos. Recaerán en sete persoeiros cuxas traxectorias vitais e profesionais destacaron pola defensa de Compostela en distintos ámbitos, entre elas Aurichu Pereira Carballo e Tareixa Navaza González.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, destacou a declaración de fillo predilecto a título póstumo do doutor Ramón Baltar Domínguez, "un exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo vítimas da ditadura".  

O Pleno do 29 de febreiro de 2024 deu o visto e prace á proposta presentada polo Consello Asesor de Condecoracións para outorgar, por unanimidade,  as Medallas de Ouro da Cidade á xornalista Tareixa Navaza "por ser a voz dunha vida que nos fala da vida íntima da cidade" e ao ex concelleiro Luís Pasín polo seu labor como "voz veciñal e militante entusiasta da democracia".

Serán nomeados Filla e Fillo predilectos da capital galega a pintora Aurora Pereira Carballo, 'Aurichu', a título póstumo, pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora de roupa, e o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, por unha prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor dun cineclub e editor. 

Fillos adoptivos

O sacerdote José Porto Buceta, polo seu "labor encomiábel" como párroco do barrio de Sar durante máis de 50 anos, e, a título póstumo, o profesor Manuel Quintáns, pola súa "laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular", serán recoñecidos como Fillos adoptivos de Compostela. 

Comentarios