O Atlantic Pride convoca o III Certame de Literatura LGTBI

Pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas do colectivo LGTBI
Atlantic Pride 2023.
photo_camera Atlantic Pride 2023.

O festival Atlantic Pride da Coruña convoca unha nova edición do Certame de Literatura LGTBI+. Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por terceiro no consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, un grupo de lectura que se reúne mensualmente desde o 2016 nas bibliotecas da cidade para ler e debater sobre cultura LGTB

O III Certame de Literatura LGTBI+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas do colectivo LGTBI. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI, e poderán presentarse até o 31 de maio, optando a tres premios en metálico. 

 

O Atlantic Pride

O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia, enchendo a cidade da Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito xornadas. 

En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigábel, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. 

Desde a dirección do festival convidan ao público a "non deixar de soñar".

Comentarios