A memoria LGTBIQA+ entra nos museos de Lugo

Un proxecto recolle testemuños orais para elaborar a historia do colectivo
Unha imaxe da presentación do proxecto. (Foto: Deputación de Lugo) #lgtb+ #lgtbqia+ #redemuseísticadelugo #lugo #deputacióndelugo
photo_camera Unha imaxe da presentación do proxecto. (Foto: Deputación de Lugo)

A Rede Museística Provincial de Lugo e o Colectivo Agrocuir da Ulloa colaboran na posta en marcha dun proxecto de recuperación da memoria das persoas LGTBIQA+. 

Baixo o epígrafe “Facémonos escoitar?”, o proxecto busca recoller testemuños orais para “construír a memoria LGTBIQA+” en distintas comarcas. A convocatoria está aberta a persoas, colectivos e institucións, que poidan achegar experiencias propias ou de acompañamento da loita polos dereitos e liberdades no relacionado coa diversidade sexual e de xénero. 

“Non buscamos unicamente persoas LGTBIQA+, senón calquera persoa que considere que ten algunha historia significativa que contar para a historia LGTBIQA+ da provincia de Lugo. Unha sociedade inclusiva e diversa constrúese entre todas as persoas que a forman.

E iso é o que buscamos: persoas que compartan con nós algunha vivencia, lembranza ou anécdota vivida ao longo das súas vidas en relación coa temática que nos ocupa”, explicou na presentación Adrián Gallero, membro do Colectivo Agrocuir da Ulloa.

O traballo de campo e o proceso de documentación desenvolverase co apoio da Cooperativa Indaga. As persoas interesadas en achegar os seus testemuños deben dirixirse ao Colectivo Agrocuir da Ulloa, a través das súas redes sociais ou do enderezo electrónico [email protected].

Co material recollido crearase un arquivo sonoro en formato de mapa interactivo no que se volcarán, xeolocalizados, os audios da comunidade que se vaian recibindo.

Tamén se deseñará unha exposición itinerante que se poderá visitar nos diferentes museos que conforman a Rede Museística Provincial, co protagonismo das persoas que contribúan ao proxecto. Ademais, definirase un roteiro por Lugo, que una os lugares que son escenario da memoria LGTBIQA+ da cidade. 

Comentarios