A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou a mostra 'Fuxan os Ventos. 50 anos de historia' esta mañá nun acto no que tamén estivo presente o tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e que contou coas intervencións do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación do Consello da Cultura Galega, Sabela Fraga, comisaria da exposición e de integrantes de Fuxan os Ventos.
Ferreiro destacou que "Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas", e engadiu que "para o Concello de Lugo é unha honra acoller a exposición do 50 aniversario desta agrupación despois de acoller tamén o seu nacemento no ano 1972".
Pezas inéditas para un percorrido cronolóxico
Até o 22 de xaneiro de 2023 poderán visitarse de balde as fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos que compoñen a exposición co ánimo de penetrar o visitante na cronoloxía e no universo creativo dunha das formacións máis emblemáticas da música galega.
Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. Após gañaren o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema 'Fuxan os Ventos' deixaron atrás o seu primeiro nome, Folk72.
Entre o ano 1976 e o 2009 lanzaron un total de 10 álbums, Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O mellor (1987), Sempre máis e mellor (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009).
Valedores da lingua galega
A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, mais na actualidade está formada por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz, Xosé Vázquez á percusión e voz, Pedro Lucas na gaita, frautas e voz, Xoán Fuentes Saavedra no violín, guitarra, bouzuki e voz, Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros destacan Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero.
Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando tamén pola lingua galega.
Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recalcou a importancia da agrupación "na dignificación da lingua galega, que empregaron sistematicamente nas súas composicións", uns temas "que foron tremendamente exitosos, até o punto de que toda unha xeración os coñecía e os repetía en encontros, excursións e festas".
O acto estivo amenizado por unha actuación da propia agrupación musical.