A Asociación de Gaiteiros Galegos defende que a tradición trunfou na “guerra das gaitas”

A AGG responde á resurrección da “guerra das gaitas” producida no concurso Vai de Gaita do programa Luar da TVG cun comunicado no que defenden que o traballo de centos de asociacións e milleiros de persoas fixo que a tradición trunfara fronte á imposición doutros modelos de gaitas.

A “guerra das gaitas”, como se deu en chamar hai xa dúas décadas o conflito provocado pola dimensión que estaban a tomar as bandas con instrumentos marciais impulsadas por Foxo, resucitou esta semana no concurso "Vai de Gaita" do programa "Luar" da TVG. A amoestación pública de dous membros do xurado -entre eles a gaiteira Susana Seivane- a un mozo que acudiu ao concurso cunha gaita “marcial” provocou que xurdira de novo o debate, ampliado nas redes sociais a raíz da reflexión do xornalista e blogueiro Fran P. Lorenzo no seu “Un país en lata” que pedía respecto e chamaba a atención pola “humillación” pública á que fora sometido o concursante. 

Días despois do episodio, a Asociación de Gaiteiros Galegos sae publicamente a través dun comunicado no que fan un recoñecemento do traballo de milleiros de persoas que de maneira voluntariosa fixeron que a tradición se recupere e permaneza viva fronte a unha imposición promovida desde a propia administración. A AGG móstrase  “contraria á imposición dun modelo de gaita (a marcial) e á percusión de alta tensión. Este modelo implantouse cunha inmensa continxencia económica pública por parte da Deputación de Ourense.”  Sen embargo, ao seu ver,  pandereteiras, bailadores e bailadoras, murgas, charangas, bandas de gaitas, cuartetos, requinteiros, zanfoneiros, grupos tradicionais ou grupos folque recuperan e divulgan por todo o país anosa tradición musical, con grande esforzo por parte de centos de asociacións culturais e milleiros de persoas. 

Conflito creado pola Administración

 “Pódese comprobar que a sociedade galega responde e non quere deixar morrer o seu patrimonio. Lamentablemente, non podemos dicir o mesmo da Administración. No País das gaitas, non existe un museo ou instituto etnomusicolóxico que se adique a recompilar e estudar a inmensa cantidade de datos e informantes que temos na Galiza”, denuncian desde a AGG, ao tempo que fan un relatorio de actividades, producións e iniciativas que desenvolven a cotío para dignificar e promover o mundo da gaita. 

Lamentan tamén que esta rica realidade musical non teña espazo nos medios de comunicación e sinalan como únicos recunchos nos que poden mostrar o seu traballo o propio programa “Luar” da TVG e “Lume na Palleira”, da Radio Galega. “O que representa en realidade é un conflito creado por unha Administración que, en vez de promocionar a música tradicional, só gasta cartos en facer xusto o contrario”, denuncian. Contra esta situación, o traballo colectivo é, segundo din, a única maneira de contribuír “a que a nosa tradición siga viva e non troque nun elemento de museo nin se vexa relegada por ningunha imposición cultural allea. Hoxe en día estamos seguros de ter forza abondo para continuar nesta loita sen ser desviados do noso rumbo por ningunha provocación interesada dun colectivo que só busca recuperar un protagonismo que unha vez tivo pero que, afortunadamente, xa non ten”. 

Comentarios