Contracultura

Andrea Maceiras: "A calma non sempre é a emoción necesaria, precisamos todas as outras para ter vida plena"

Andrea Maceiras (A Couña, 1987) é a autora de 'Burbullas de calma serena', unha obra infantil editada por Cuarto de Inverno e que mestura a educación emocional con elementos propios da ciencia ficción, como os extraterrestres.
A escritora Andrea Maceiras ten máis dunha ducia de obras dirixidas ao público infantil. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora Andrea Maceiras ten máis dunha ducia de obras dirixidas ao público infantil. (Foto: Nós Diario)

—Como encaixan os extraterrestres nunha historia que xira arredor da educación emocional?
Quería facer unha historia que falara das emocións, porque considero que é algo interesante e que se cadra non ten a importancia que debería ter. Con todo, quería falar do tema desde unha perspectiva moi desenfadada, con sentido do humor e con fantasía. Creo que o feito de introducir un personaxe así na historia, ademais de ser un elemento humorístico polos estragos que vai creando, permite observar as emocións desde unha perspectiva un pouco máis distante ou obxectiva. 

No seu planeta todo está gobernado pola lei da perfecta calma porque se supón que é a emoción ideal. A medida que se vai desenvolvendo a historia tamén se vai desbotando esta idea e imos asumindo que todas as emocións forman parte de nós e que son igualmente importantes e perfectas.

Interesábame reflexionar sobre isto porque moitas veces temos a sensación de que estar en calma é o mellor, é o primeiro que nos piden cando estamos tristes ou enfadadas. As crianzas escoitan moito o de que teñen que calmarse. E non sempre é a emoción necesaria, precisamos de todas as outras para poder vivir unha vida plena. Están aí por algo. 

—Como actúa o personaxe para chegar a estas conclusións?
Fai unha especie de burbullas que permiten transitar as emocións. Son paisaxes metafóricas que permiten transitar esas emocións e permiten introducirse na parte máis profunda delas para tamén aprender a comprendelas e a xestionalas dalgunha maneira. A través destas burbullas, que son simulacións, as persoas poden acceder ao cerne das emocións e asumilas como parte do que somos. 

—Serían como un espazo para o autocoñecemento, máis aló das relacións e as présas ás que empuxa a sociedade, non si?
Efectivamente. É certo que somos seres sociais e que a sociedade é unha parte moi importante da nosa evolución como especie, mais tamén é certo que moitas veces buscamos fóra a saída a problemas ou a cousas que nos pasan, precisamente por iso, porque vivimos nunha sociedade que nos invita moito a expornos. Que está ben, mais na súa medida: moitas veces a saída é cara a dentro de nós. Ese autocoñecemento e traballo interno é valioso e se cadra non se lle recoñece todo o que se debería. Por isto, cando chega unha emoción que non entendemos ou non sabemos transitar, acaba por perturbarnos, cando non debería ser así. Ás veces tampouco é que teñamos tempo para facer isto e dá igual a idade que teñamos.

As adultas vivimos con présas e moitas veces é o que se lles acaba transmitindo ás crianzas a través das obrigas: o colexio, as actividades extraescolares, os campamentos de verán... Non sempre existe un momento de pausa que nos permita parar e recoñecer o que sentimos por dentro, darlle un nome.

—É unha historia só para o público infantil?
Hai un termo agora que se utiliza moito para definir un tipo de literatura, cozy, e xa me chegou algunha mensaxe dicindo que lle vían estes trazos. Aínda que Burbullas de calma serena expón unha situación importante e que debería preocuparnos como é o caso das emocións e a saúde mental en xeral, faino desde unha perspectiva que resulta acolledora e humorística.

É unha historia que procurei que enganchase, porque tamén ten o seu pequeno misterio, mais quería sobre todo que fose unha lectura grata. Sempre teño en mente que a literatura infantil ten este público obxectivo, mais é certo que cada vez máis hai xente doutras idades que se achega a estes libros. É moi valioso porque pode supor algo distinto entre as nosas lecturas, mais tamén permite acompañar as crianzas nas súas lecturas. Sempre fago moito fincapé nese labor de mediación que temos porque non se trata de impor, mais si de acompañar. Ler é algo que se fai en solitario, mais ler en compaña é máis agradábel.

Comentarios