Ana Estévez: "Segue habendo dificultade para que as mulleres atopen quen as produza no cinema"

A 17º edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada polo Museo do Pobo Galego, comezou onte e rematará o vindeiro 2 de abril. Nós Diario conversa coa súa directora, Ana Estévez Lavandeira, sobre a temática escollida este ano, o traballo, e as particularidades dun evento xa consolidado no panorama de festivais galegos de cinema.

A responsábel da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), Ana Estévez Lavandeira (MICE).
photo_camera A responsábel da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), Ana Estévez Lavandeira (MICE).

17 edicións da MICE. Pode falarse dun proxecto que cumpre coa función que se esperaba del?

Eu penso que si. Sempre se pode mellorar. Cada ano segue sendo un reto e non hai que dar nada por feito. Pouco a pouco, mais de maneira progresiva, a MICE foise consolidando e fomos cumprindo os dous obxectivos que nos propuxemos. Por un lado visibilizar as múltiples perspectivas coas que se pode traballar nun museo etnográfico e do que significa realizar esa función. Hai ocasións en que se nos ten relacionado con determinadas áreas, afastándonos doutras.

A MICE foise consolidando e fomos cumprindo os dous obxectivos que nos propuxemos

Por outro lado, está o obxectivo de divulgar un tipo de cinema que non ten moitas canles de difusión e achegalo ao público galego e mostrar o que se fai desde a Galiza noutros lugares. A MICE foise internacionalizando para que se puidera ver tamén en Europa. 

Este ano trata sobre o traballo. Que papel xoga na sociedade e no propio museo o mundo laboral?

No momento en que se fixo o Museo do Pobo Galego, e tal e como está a exposición permanente, as áreas produtivas son moi importantes. Todo o que son os oficios relacionados co sector primario teñen un gran protagonismo dentro da mostra. De todas maneiras, o traballo é unha parte importante da vida humana e nese sentido é lóxico que cando se fala das persoas falemos de traballo. Parecíanos como foco temático ben interesante para tratar desde o festival e o cinema etnográfico. 

O traballo artella os contidos do festival seguindo distintas dimensións. Desde os procesos históricos ou socioeconómicos que afectan este ámbito até a propia concepción do traballo, como foi mudando ao longo da historia.

Mesmo as actividades que catalogamos ou non como traballo, algo que ten unha serie de consecuencias sobre a vida das persoas e mesmo sobre a súa consideración. A idea de que determinados traballos poden marxinar a quen se ocupa deles.  

O achegamento aos países do leste é de moita actualidade mais sempre estivo presente no festival. Cal é a razón?

A Europa do leste como produtora de cinema está aí. Ten unha cinematografía moi importante e mesmo conflitos históricos. Nese sentido, moitos exemplos dela teñen pasado pola MICE e á hora de coller inscricións para a sección oficial chéganos moito cinema desa área do continente. No caso desta edición estaba previsto a través da sección 'Impropias' e de cineastas mulleres da Europa do leste porque dentro do foco do traballo os Estados que hoxe en día formaron parte da ex Unión Soviética teñen unha implicación directa por formar parte importante da súa cultura.

O traballo condicionaba moito a vida neses países na consideración das persoas

O traballo condicionaba moito a vida neses países na consideración das persoas. Pareceunos que podía ser interesante, por un lado o concepto de traballo e o que significaba para as persoas, e por outro sen saber que nos atoparíamos ás portas da actual traxedia da guerra o certo é que é un lugar, para a antropoloxía, moi interesante. Hai un pasado común que achega culturalmente similitudes e á vez estes Estados creaban unha identidade nacional propia. Para nós, desafortunadamente, converteuse nun foco máis de actualidade do que tiñamos previsto. 

Foi difícil conseguir que houbese unha representación feminina de 50% nesta MICE? 

As mulleres estamos creando. É certo que moitas veces non é doado. Segue habendo unha dificultade para que as mulleres atopen quen as produza no cinema. O cinema documental, pola súa propia concepción á hora de facelo, igual de entrada non ten as exixencias dunha gran produción e polo tanto quizais atopamos mulleres con máis facilidade. En calquera caso, máis que ser complicado é pór a mirada. Ter como obxectivo que se visibilice un traballo que está aí. 

Comentarios