Tres obras galegas compiten na sección internacional da MICE

O festival, que se realizará do 28 de marzo ao 2 de abril en Compostela, recupera a presencialidade de todas as seccións e actividades.
Un fotograma do documental 'O último de Arganeo' (Foto: Pinancho Audiovisuais).
photo_camera Un fotograma do documental 'O último de Arganeo' (Foto: Pinancho Audiovisuais).

Tres películas galegas competirán polos premios a Mellor Filme e Mellor Filme Galego na 17º edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego (MICE), que se realizará do 28 de marzo ao 2 de abril en Compostela. Os títulos, escollidos entre máis de 1.000 candidaturas chegadas de todo o mundo, son Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo, Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro e O último de Arganeo, de David Vázquez

Resonancias do pasado é o novo filme de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, membros da asociación arousá O faiado da memoria, que recupera a memoria de Vilagarcía. Neste filme reconstrúen a vida da vila dos anos 20 aos 80 a partir de vellas películas domésticas gardadas pola veciñanza. 

Notas sobre os cesteiros de Mondariz relata unha tradición artesá de gran valor sociocultural que pervive na memoria colectiva deste concello. A tradición que encarna Enrique Táboas, o último cesteiro de Mondariz, conéctase coa proposta innovadora da artista contemporánea Idoia Cuesta. 

O terceiro filme, O último de Arganeo, trae de novo á MICE a David Vázquez. O chantadino xa estivera no festival en 2017. Nesta ocasión, o director rodou en León para contar a historia de Edilberto Rodríguez, un mozo de 24 anos que o deixa todo para ser pastor na terra dos seus avós. 

Actividades presenciais

A MICE recupera este ano a presencialidade de todas as seccións e actividades. Entre elas están os obradoiros de formación e as mesas de debate. O antropólogo e fotógrafo Jorge Moreno Andrés e a tamén antropóloga e cineasta Adriana Vila, son as persoas docentes do obradoiro desta edición que leva por título Anversos e reversos: metodoloxía etnográfica dos procesos creativos.

 As mesas de debate profesional, artelladas en colaboración con Proxecta, a coordinadora galega de festivais de cinema, e con CREA, a asociación de profesionais da realización, xirarán entorno aos procesos de creación e divulgación de proxectos de difusión do cinema documental.

Tamén haberá actividades para os centros escolares e para familias na sección MICE Petís. Este ano o Olloboi, un festival de curtametraxes escolares, é o coordinador.

Comentarios