A 17º edición do MICE presenta a súa imaxe gráfica

Este ano a temática principal é o traballo e terá lugar do 28 de marzo ao 2 de abril.
A chemineo industrial da fábrica de Regojo (Foto: Mónica Ares).
photo_camera A chemineo industrial da fábrica de Regojo (Foto: Mónica Ares).

A 17º edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico centrará este ano a súa temática no traballo. Terá lugar do 28 de marzo ao 2 de abril en tres espazos ben diferentes: o Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e a sala Numax. A organización deu a coñecer onte a súa imaxe gráfica feita a partir da fotografía dunha cheminea industrial, un elemento que remite aos procesos fabrís da modernidade. 

Imaxe con historia como simbolo deste MICE

Obra da fotógrafa silledense Mónica Ares, representa os recordos do que foi Regojo, o grupo empresarial con sede en Redondela que empregou desde finais dos anos 50 do século pasado e até a década dos 70 a máis de 1.500 persoas. Regojo Fabricaba camisas de alta gama que se comercializaban en toda a Península Ibérica. Unha das súas marcas máis famosas foi a camisa 'Dalí', anunciada en televisión polo propio artista.

O seu fundador, un zamorano próximo á raia portuguesa chamado José Regojo, empezou a súa traxectoria empresarial en Portugal. Alí coñeceu a súa futura muller, a redondelá Rita Otero, e ambos deciden trasladarse á vila pontevedresa e estabelecer nela a súa vida e tamén a sede de camisas Regojo.

Tras décadas de presidir o día a día da vila e despois de converterse nun dos principais grupo téxtiles do Estado español, a fábrica tivo que fechar a comezos dos oitenta. Dela só queda esa cheminea, fotografiada para esta 17º edición da MICE.

Historias de traballo que olla ao pasado

Pastora, unha das traballadoras de Regojo que estivo cosendo e facendo caixas nos últimos dez anos da fábrica, lembra a importancia que tiña esta empresa na vila.

"Todo o mundo traballaba en Regojo!. Daquela, aínda sendo muller, non tiña medo a ir soa andando ao traballo ás cinco da mañá porque as rúas estaban cheas de xente que ía ao mesmo sitio, á fábrica de camisas", asegura. Das prendas di que "as camisas era do mellor que había, sentaban moi ben, eran perfectas".

Sobre o fundador da empresa téxtil tamén fala con cariño: "Don José (José Regojo), era o meu xefe, unha moi boa persoa e a súa muller, Rita Otero, non a coñecín persoalmente porque morreu antes de eu traballar alí, pero todo o mundo falaba dela como unha excelente persoa".

Comentarios