Alberto Ramos suma outro premio co Rafael Dieste de Textos Teatrais

A obra 'Conxo, non restraint' é unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo.
Alberto Ramos. (Foto: Sabela Iglesias)
photo_camera Alberto Ramos. (Foto: Sabela Iglesias)

O XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña xa ten gañador: o xornalista e escritor Alberto Ramos coa obra Conxo, non restraint, unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo.

O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra por parte da Deputación da Coruña que, ademais, desenvolverá un procedemento para a selección de propostas e garantir a montaxe e a representación da obra premiada por parte dunha compañía teatral galega.

O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega no campo teatral como Teresa Moure, Avelina Pérez, Lois Blanco, Sabela Hermida e o gañador da última edición, Roberto Pascual; e, como secretaria, a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.

O xurado salientou da obra premiada a concreción da denuncia baseada nun afinado proceso de investigación, a linguaxe limpa e estilizada moi acorde co tema que aborda o texto. Tamén valorou positivamente "a ousadía á hora de retratar un asunto moi delicado".

Novelista multipremiado

Alberto Ramos é xornalista e escritor, dedícase á comunicación cultural e durante seis anos traballou na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Esta é a súa primeira incursión no teatro.

En narrativa, o xénero polo que até o de agora era coñecido, xa gañou premios como o Vicente Risco (dúas veces, con Todos os días en 2012 e con A simetría das bestas en 2017), o García Barros "Con Máscaras rotas para Sebastian Nell en 2014), ou o Repsol de Narrativa Breve (con Os corpos dor Romanov, en 2022) entre outros. 

 

Comentarios