Contracultura

Alba Chan e Ene: "Tentamos retroceder e ver que pasaba nas nosas vidas con 12 anos, polo menos para o guión"

Alba Chan e Ene son as autoras de Idol!, a obra galardoada co V Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético —a escola profesional de BD e ilustración en Pontevedra fundada por Kiko da Silva e que será publicada por Xerais na próxima primavera. As autoras abordan cuestións como a ansiedade ou a industria do K-pop e os prexuízos cara a esta.
As autoras de 'Idol!', Alba Chan e Ene, alumnas do Curso Profesional de BD do Garaxe Hermético. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As autoras de 'Idol!', Alba Chan e Ene, alumnas do Curso Profesional de BD do Garaxe Hermético. (Foto: Nós Diario)

—Por que decidiron presentarse xuntas ao certame?
Ene: Alba e eu adoitamos quedar na miña casa para facer taller e traballar xuntas. Nun principio a idea era facer cada unha o seu proxecto, mais ela estaba un pouco atascada co que sería o primeiro bosquexo de Idol! e ao axudala vin que era unha historia que me gustaba moito.

Alba Chan: Ao comezo propúxenlle que fora a guionista e facer eu todas as tintas, mais un profesor noso animounos a facer as cores as dúas, polo que ao final é un traballo que está bastante repartido entre nós.

E.: Creo que é cuestión de organizarse e de repartir ben as tarefas.

A.C.: Sobre todo confiar na outra persoa. Ene e eu temos un estilo diferente e desde o principio tivemos dúbidas sobre como conducilo todo de maneira que se vese ben. Ela debuxa dunha forma moi pictórica, que se inspira moito no debuxo norteamericano. O meu estilo é máis manga europeo cuqui, por definilo dalgunha maneira. Conseguimos facer que funcionara. Como eu xa comezara a facer as tintas, cando lle mandei os debuxos a Ene soubo adaptarse ao meu estilo de forma que o seu de colorear encaixase ben con el. Facer un proxecto con outra persoa implica que ambas se adapten.

E.: Require de moitísima comunicación. É como un matrimonio. 

—As dúas son fans do K-pop?
A.C.: Eu algo máis. Ene tivo a súa época, mais eu sigo aí. Aínda así, é unha temática que encaixa ben porque as dúas sabemos do tema, dunha maneira ou doutra.

E.: Gústame moito a música, toco  varios instrumentos e estou nun grupo, polo que se fai máis fácil ter esta conexión coa historia. Sempre tivemos moi claro que iamos facer unha historia que nos tivese gustado ler con 12 anos. Tentamos retroceder e ver que cousas estaban pasando nas nosas vidas daquela, polo menos á hora de facer o guión. Creo que nos cómics infantís ou xuvenís non se ven moitos dos temas que tocamos.

A.C.: Ás veces parece que se trata as crianzas como se fosen parvas.

E.: Creo que conseguimos construír unha historia que nos tivera obsesionado un pouco nese tempo.

—Hai un patrón común de infantilización. Por unha parte, desde o K-pop, tamén por ser algo que triunfa entre rapazas e mulleres novas, mais tamén no caso dos problemas que atravesa a adolescencia.
A.C.: Percibo a infantilización que sufrimos as persoas que somos fans do K-pop, é unha tendencia que se repite. Pasou con One Direction.

E.: Os gustos das mulleres sempre se ven como algo de nenas.

A.C.: Tamén vemos infantilización cando tratamos a ansiedade. 12 anos é unha idade ideal para comezar a falar disto porque é cando entras no instituto, que é unha xungla. Son emocións que non se deben minimizar só porque as persoas adultas o vexan como problemas de crianzas.

E.: É imprescindíbel pórlle un nome ao que senten. Porque o van sentir de todas maneiras. No libro hai algunha escena dun ataque de pánico, por exemplo, e non deixa de ser unha forma de facer ver que estas cousas pasan.

A.C.: Tentamos deixar claro que non tes por que enfrontarte a soas a todo isto. Podes apoiarte na familia ou  amizades. 

—A falta de información xera máis preocupación? Quizais saber o que é a ansiedade reduce o malestar?
E.: Si. Tamén porque tes algo co que identificarte. A representación é importante en calquera ámbito.

Comentarios