'Idol', de Alba Chan e Ene, gaña o V Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético

O cómic, que publicará Xerais, conta a historia de dúas rapazas que participan nun talent show musical.

alba_ene_color
photo_camera Alba e Ene. (Foto: Xerais)

Idol, de Alba Chan e Ene, gaña o V Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que publicará Xerais na próxima primavera. O xurado, composto por Miguel Porto, Fernando Llor e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, salientou “a enorme capacidade de conexión que ten Idol para empatizar co lectorado adolescente e visibilizar os seus gustos, problemas e ansiedades”.

O cómic, que toma o título dun programa tipo talent show musical no que participan  dúas amigas, que son as protagonistas principais, é unha historia xuvenil narrada  graficamente desde un estilo achegado ao manga xaponés e no que vibran as ondas do K-pop coreano.

Ademais da capacidade de conexión do propio tema escollido polas autoras, o xurado destacou o excelente tratamento da cor, moi elaborado, a interrelación que se estabelece entre o tema da música e a ilustración, así como a presenza de viñetas nas que a composición dá lugar a imaxes moi gráficas das actuacións musicais das protagonistas, así como dos seus estados de ánimo.

Alba Chan reside en Pontevedra e é alumna de 3º Curso Profesional de BD na escola  O Garaxe Hermético. No seu traballo apréciase unha marcada influencia manga, sobre todo do europeo. Séntese cómoda tanto con técnicas tradicionais coma dixitais. No tradicional utiliza sobre todo rotuladores de alcohol, acrílico e tinta con  plumiña.

Ene reside en Pontevedra é alumna de 3º Curso Profesional de BD na escola O Garaxe Hermético. Na súa obra aprécianse influencias diversas, desde o cómic  americano, pasando polo manga, ata o expresionismo alemán máis clásico.

A proba de auga de Anémona de Río gañou a edición do no 2019, Nerea o príncipe da sorte de Miguel Rojo e Pablo Prado, gañador no 2020 e Cósmico, o bombeiro galáctico de Fonso Barreiro (FON), gañador no 2021 e O caderno de rama de Ánxel con X, gañador no 2022. 

O Garaxe Hermético, é a primeira Escola Profesional de Banda Deseñada e ilustración da Galiza, fundada por Kiko da Silva no ano 2012. A escola nace para formar de maneira profesional a autores de BD e ilustradores. As clases están impartidas por Profesionais da BD e a ilustración en activo, cunha ampla e recoñecida experiencia no sector, segundo indica a propia escola na súa web.

Comentarios