martes 30/11/21

A AELG prepara un Libro Branco do Escritor e da Escritora

Realizar, con datos tirados dunha enquisa e de entrevistas, un diagnóstico da situación profesional dos autores e autoras do país. É o obxectivo do ‘Libro Branco’ no que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega está a traballar, que será o primeiro do seu xénero realizado na Galiza que se centra no “elo máis feble” da creación literaria. Un estudo que permitirá identificar as carencias e fortalezas do sector desde a perspectiva da autoría e axudar a representar a mesma, reivindicando os seus dereitos.

Parlamento de Escritores
Cesáreo Sánchez durante o Parlamento de Escritoras e Escritores que decorreu en Pontevedra en outono de 2019.

“Canto tempo adoita dedicar habitualmente á escrita? Actualmente compaxina o seu traballo como escritor/a con algún outro traballo ou actividade profesional? Ten ou tivo nalgún momento un/unha axente literario/a? Algunha vez tivo que reclamar a sinatura dun contrato á súa editorial? Dos seus ingresos totais no último ano, que porcentaxe procedeu da autoría das súas obras?”. Son algunhas das preguntas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón aos seus 470 socios e socias na enquisa que lles fixo chegar como parte do traballo de campo a partir do que elaborará o primeiro Libro Branco do sector literario galego.

Este estudo, aínda en fase inicial, servirá para que os autores e autoras do país, o “elo máis fráxil” da cadea produtiva e distributiva do libro, teñan unha “voz colectiva” coa que facer valer os seus dereitos, segundo explica o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez. “Precisamos saber cal é a situación real na que se atopan os escritores e escritoras para coñecer as carencias e fortalezas do sector”, indica Sánchez, que cita como exemplo o Libro Blanco del Escritor da Asociación Colexial de Escritores de España. Este documento contou co testemuño dalgúns autores e autoras galegos mais, tal como lembra o presidente da AELG, “nós temos un sistema literario autónomo, coas súas propias dinámicas”, cunha lingua non normalizada, polo que dificilmente o retrato que tira vai ser representativo da realidade galega.

Se a ocasión para afrontar este proxecto do Libro Branco parecía propicia ao cumprirse os 40 anos de andaina da AELG, a crise xerada pola pandemia do coronavirus evidenciou máis a situación de precariedade na que se atopan moitos autores e autoras do país, sobre todo os máis novos. “Na miña xeración ser profesor de galego e escritor era algo moi habitual. Agora non o é tanto”, indica Sánchez en declaracións a Nós Diario. Parte dos escritores e escritoras teñen, así, subliña, na escrita e nas actividades que esta xera -como visitas a centros escolares- unha das súas principais fontes de ingresos. E o problema que subxace, precisamente, é a falta de profesionalización.

Reivindicar a profesionalización

O estudo realizado pola Asociación Colexial de Escritores de España, que recolle datos de 2018, revelou que só 16% dos asociados vivía da escrita, mentres que 77% ingresaba menos de 1.000 euros ao ano en concepto de dereitos de autoría. “Somos profesionais, aínda que non vivamos da escrita”, salienta Cesáreo Sánchez. Cómpre, ao respecto -sinala- unha mudanza de mentalidade que supoña un recoñecemento da “dignidade e respecto” para o traballo do escritor e da escritora, pois non parece xusto que sexa “o único profesional que non cobra” nun evento cultural, por exemplo.

Segundo o Consello da Cultura Galega, o confinamento derivado da actual pandemia afectou moito ao emprego cultural, que descendeu nun 5,5%, é dicir, 2,3 puntos porcentuais máis que o conxunto do mercado laboral no mes de marzo. Aínda que a do libro non parece en termos relativos ser unha das ramas de actividade máis afectadas, tampouco se reflectiría seguramente nos datos, no caso dos autores e autoras. “Os datos terémolos cando os nosos socios e socias respondan a enquisa”, indica Sánchez. O cal podería servir, tamén, para desterrar tópicos sobre o perfil das persoas dedicadas á escrita na Galiza. A AELG agarda publicar os resultados para antes da fin deste ano. O cuestionario que os autores e autoras están a responder neste momento será complementado, ademais, con entrevistas máis personalizadas para afinar a diagnose da situación.

“Voz colectiva”

Contar cunha “voz colectiva” e unha proposta de actuación fundamentada en datos é especialmente relevante ademais, segundo Sánchez, nun contexto coma o galego, pois “temos as institucións que temos”. Non é, por exemplo, o caso catalán, remarca, no que as asociacións do sector contan con servizos xurídicos para apoiar os seus asociados e ademais existe a Institució de les Lletres Catalanes, entidade autónoma do Departamento de Cultura da Generalitat dedicada a velar pola literatura e o fomento da lectura, con funcións non só consultivas.

Ao respecto, Sánchez amosa a preocupación da AELG pola orientación tomada polo Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da Covid-19 presentado pola Xunta, xa que, ademais de non contemplar axudas específicas para os autores a autoras, “expropia as creadoras e creadores dos seus dereitos persoais e patrimoniais sobre a súa obra” ao propoñer axudas a proxectos “cunha cesión de dereitos sen límite de tempo, espazo xeográfico, medio de explotación ou lingua”, desprotexendo na práctica a creación en galego. “Non podemos caer” -afirma Sánchez- “nun empobrecemento da cultura galega”, de maneira que o Xacobeo -pois o Plan de reactivación ten un enfoque máis turístico que cultural- acabe sendo “como o decreto de plurilingüismo no ensino”.

A AELG prepara un Libro Branco do Escritor e da Escritora
comentarios