xoves 04.06.2020

Cesáreo Sánchez: "O escritor como tal é invisíbel"

Nas vésperas do Día das Letras Galegas, e ante a complexa situación que atravesa o sector cultural galego, conversamos con Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). 
Cesáreo Sánchez (Eduardo Castro Bal)
Cesáreo Sánchez (Eduardo Castro Bal)

A homenaxe das Letras Galegas 2020 chega inevitabelmente marcada pola actual conxuntura de crise sanitaria. Dentro dela, a pasada semana vía a luz o Plan de reactivación da cultura e o turismo da Xunta. Cal é a valoración da AELG das medidas propostas?

Son medidas que reordenan e redistribúen recursos que xa existían, sumando algo ao xa comprometido. Un sector como a cultura, que representa 2% do Produto Interior Bruto da Galiza, precisa outra estrutura e outro volume de apoio, cuantitativa e cualitativamente, que determinen a boa saúde da literatura e da cultura no seu conxunto cara a unha normalidade. O Xacobeo, que se presenta como única alternativa para o país, non só non soluciona os problemas da cultura, senón que a leva a territorios que non son bos para ela. Neste momento a Galiza está a ser considerada e promovida, máis que como un pobo ou unha sociedade cunha cultura milenaria propia, como un camiño de paso, un lugar por onde unha Santa Compaña de peregrinos percorre un parque temático de sendeiros que levan a Compostela. Acontece que os camiños xacobeos están dentro dos camiños históricos do país. As alternativas teñen que pasar por potenciar a cultura propia, para ser creada e vivida desde a Galiza polos galegos e polas que veñan a nos coñecer. Mais non se pode pretender que se faga cultura en función dos que van vir de fóra, como se fósemos só un escaparate. A respecto disto, nós sempre reivindicamos unha Consellaría de Cultura como tal, mais sempre lle poñen un apelido que acaba por devorar o nome. Neste momento ten máis peso o turismo que a propia cultura, cando podía ser algo complementario na asignación de recursos, por exemplo, para a rehabilitación de patrimonio histórico construído, bibliografico e inmaterial.

O escritor como tal pasou de ser un referente en manter o idioma e a identidade a ser considerado só como subministrador de contidos culturais aos distintos sectores con vocación de ser industria. Porén, a nosa profesión é máis ca iso. O escritor é construtor do idioma, responsábel de que acompañe a historia do propio país. Nestes tempos en que participamos en manter a saúde social, creando contidos, tivemos que implicarnos especialmente en explicar que somos profesionais, aínda que non vivamos da nosa escrita. Sempre vai haber escritoras e escritores empregados noutros eidos, pero cada vez máis, por mor da precarización, o peso en moitas delas de actividades en bibliotecas, librarías, escolas... está a ser máis importante. Iso implica que para poder acceder a determinadas prestacións ou proxectos téñense que facer autónomos, mais non hai liñas de axuda específicas á creación literaria.

O sector editorial, non só porque edita a nosa produción, tamén é un lugar natural de traballo para nós, nos distintos oficios da elaboración dun libro. É moi importante que a industria editorial teña forza, tal como aconteceu no pasado, entre a terceira e a cuarta do Estado. Mais hoxe non é así, é un sector que o está a pasar mal e non ten os medios e as dotacións que merece atendendo ao que significa para a construción dunha identidade, da lingua e de acceso á cultura galega de maneira máis profunda e ampla. 

Nese senso, preocúpalles un incremento da precariedade ante a falla de apoio da Administración, que nin sequera menciona as escritoras no Plan de reactivación?

A situación laboral vai empeorar porque haberá diminución de empregos que, agás nalgúns casos determinados de traballos que non leve por diante a pandemia económica, os escritores van sufrir moito máis. Preocúpanme especialmente as novas xeracións. Eterna a gratitude ás que, aínda que cada vez haxa menos medios e oportunidades, están aí sendo monolingües e construíndo o idioma. Non buscan lugares onde escribir en español para resolver os seus problemas económicos, senón que manteñen unha fidelidade á lingua na creación que debería ter outro tipo de resposta por parte da Administración, que ten as competencias para resolvelo. Nestes días mandamos as nosas propostas a Madrid, ao Ministerio de Cultura e ao de Facenda, para resolver distintos temas pendentes de mudar. Tamén levamos ao Parlamento o caso dos escritores xubilados. Case o 50% dos reformados están en clases pasivas e iso non foi resolto, aínda hoxe hai quen paga multas por cobrar dereitos de autor. 

Dentro das medidas específicas dedicadas da Xunta ao eido editorial, non se atenden todas as demandas presentadas en conxunto coa Asociación Galega de Editoriais e a Federación de Librarías.

Hai aumentos na dotación para actividades dentro de bibliotecas ou librarías, na compra de libros... Pero foi aumentar algo que basicamente xa estaba. Hai problemas estruturais que non permiten achegar todo o necesario. Era o momento ideal para parar as obras da Cidade da Cultura e desviar eses recursos á cultura, ademais de repensar o que significa ese lugar. Faltan tamén as necesarias medidas para a cultura de base, sen ela non hai cultura crítica no país. O asociacionismo ten un peso moi importante na promoción da cultura, e do libro en concreto.

Os escritores, como autónomos, poderemos acceder a un "fondo para creadores culturais", de 1.500.000 euros, mais a realidade é que os escritores como tal somos invisíbeis. Estamos a turrar de todos os carros que sexa preciso, pero á hora da verdade non se nos ve. Iso necesariamente ten que mudar, sen nós o libro galego non existiría. Mais esta ausencia é unha cousa que vén de vello. Na (boa e incumprida) Lei do libro a palabra 'escritor' non está como tal, cando debería ter visibilidade propia, pois tena á hora de construír a cultura. 

Achegámonos a unha data fundamental para a visibilización das escritoras galegas como é o 17 de maio. Que significa o recoñecemento de Carvalho?

Eu agardo, como reclamamos á Academia, que sexa prolongado a 2021 para que estea nas mesmas condicións que tiveron todos os anteriores nomeados, que poida ter unha vida normal dentro do ensino. Carvalho é o noso socio de honra desde a fundación da AELG, hai xa 40 anos. Eu fun presidente da Alexandre Bóveda, asociación que o rescatou e reivindicou publicamente na Coruña, pois tivemos a fortuna de coñecelo a través de alumnas e ex alumnas súas (na directiva estaba María Pilar García Negro). Soubemos así da súa altura intelectual e da súa dimensión humana, que foi moi importante para min, non só pola súa xenerosidade, senón polo respecto e a comunicación que tiña cos que aínda estabamos aprendendo o oficio de poeta. Ao mesmo tempo, o gran legado de Ricardo Carvalho Calero foi a súa altura ética. Creo que á parte da dimensión lingüística, ás veces esquecemos que foi tamén marxinado polo seu pensamento político. No fondo el defendía que a Galiza tiña que ter forzas políticas propias e a capacidade de construír o seu futuro por si mesma, naquel tempo o piñeirismo sempre lle negou o pan e o sal. Á parte, foi un escritor inmenso como demostra a relectura, por exemplo, da antoloxía feita por Pilar Pallarés, mais tamén un investigador, filólogo... e para min tamén un importante referente humano, ese foi o grande agasallo que me fixo a min e á miña xeración.  

Algunha mensaxe para este  Día das Letras confinado?

Ler a don Ricardo Carvalho Calero, isto axudaranos a cumprir os desexos del porque, como dicía Uxío Novoneyra "sabemos que ti [Galiza] podes ser outra cousa". Os seus textos concienciarannos de que podemos chegar a ser unha sociedade normal cunha lingua e unha historia e construír o noso futuro con normalidade. Os escritores sempre estaremos aí, especialmente nestes tempos nos que somos construtores de esperanza. E, desde logo, nunca ninguén vai derrotar a esperanza nun escritor galego. 

comentarios