A AELG nomea a portuguesa Ana Luísa Amaral como Escritora Galega Universal 2022

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) realizou a súa asemblea xeral o pasado 26 de marzo. Nela aprobouse, entre outras cuestións, nomear a escritora portuguesa Ana Luísa Amaral como a Escritora Galega Universal en 2022.
Intervención Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente de AELG (Foto: Eduardo Castro).
photo_camera Intervención Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente de AELG (Foto: Eduardo Castro).

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) aprobou en asemblea xeral o programa de actividades para o ano, que xa comezaron co Día de Rosalía de Castro.

Na xuntanza, realizada no Museo do Pobo Galego, acordaron continuar coas actividades xa asentadas e de alcance social, como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da entidade e nomear a escritora portuguesa Ana Luísa Amaral como a Escritora Galega Universal en 2022.

Para este ano, ademais, propuxeron organizar ou coorganizar  xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de persoal formador, educador e mediador da lectura. 

Alén diso, refórzase o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa realización dunha nova Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria e a través da realización de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a décimo quinta, da Xornada de Literatura de Tradición Oral, dedicada ao Entroido. Tamén se informou das fases de elaboración do Libro Branco que continuará cunha terceira parte durante 2022, desde unha visión de xénero. 

Visibilización

Outra das conclusións da asemblea, segundo explican nun comunicado, foi que "a visibilidade da escritora e do escritor a través da web da entidade continuará a ser un eixo central", ademais de lembrar "as páxinas individuais con que as socias e os socios contan no Centro de Documentación da mesma páxina da AELG, tanto nos contidos como nas entrevistas audiovisuais".

Neste sentido, alén das realizadas habitualmente ao abeiro de diversos acordos con entidades financiadoras, indicouse que as cen gravacións feitas a autoras e a autores baixo a denominación 'A literatura galega nas súas voces', no marco dun acordo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), divulgaranse durante 2022. 

Documental da AELG e Estatuto de Artista

En 2020, coincidindo coa chegada da pandemia,  a AELG fixo 40 anos desde a súa creación. Con motivo desta efeméride, a presidencia informou da elaboración dun documental no que se repasará a historia da entidade.

Para rematar, a asemblea tratou, entre outros temas, a xestión colectiva obrigatoria dos dereitos de autoras e autores diante as plataformas de contidos, ademais da situación da recentemente creada conferencia de asociacións de escritoras e escritores. Un dos obxectivos desta última avanzar na elaboración dun Estatuto de Artista.

Comentarios