Acisclo Manzano homenaxea os eremitas da Ribeira Sacra

O recoñecido escultor ourensán sinala que Eremitas é "unha homenaxe aos homes e ás mulleres que decidiron perderse no deserto verde daquela ribeira á que o Padre Yepes bautizou como Ribeira Sagrada".
Un dos 'eremitas' de Acisclo Manzano.
photo_camera Un dos 'eremitas' de Acisclo Manzano.

Baixo o título xenérico de Eremitas, o escultor ourensán Acisclo Manzano rende unha persoal homenaxe á Ribeira Sacra cunha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, que poderá visitarse até o vindeiro 14 de xaneiro.  

O artista lembra e interpreta desde a súa visión plástica a figura de Eufrasio, Eusano, Quinedo, Eato, Flavio e Rvve. Trátase de seis eremitas aos que fai alusión unha lápida do ano 573 que en San Pedro de Rocas sinalaba que recibían ese lugar en "herdanza". A historia fala de seis homes que herdan un espazo sagrado, herdanza que nos indica que antes deles existiron outros e tras eles algúns máis. 

O recoñecido escultor ourensán sinala que Eremitas é "unha homenaxe aos homes e ás mulleres que, por distintos motivos, decidiron perderse no deserto verde daquela ribeira á que o Padre Yepes bautizou como Ribeira Sagrada". 

Cada un dos seis eremitas está representado por unha escultura individual, á que se engade un mosaico en barro policromado. A exposición tamén reproduce a lápida atopada en San Pedro de Rocas, que se garda no Museo Arqueolóxico de Ourense.  

Acisclo Manzano

Acisclo Manzano está considerado un dos grandes escultores galegos. Desde que no ano 1962 recibiu o Premio Nacional de Escultura e a Medalla de Ouro das Artes, a súa traxectoria foi obxecto de numerosos recoñecementos e premios. Nos anos sesenta integrouse no grupo O Volter xunto con Xaime Quessada e Xosé Luís de Dios, unha época de fecunda relación con Otero Pedrayo, Vicente Risco, Julio López Cid e Eduardo Blanco Amor. A súa escultura moveuse esteticamente dentro do universo figurativo, aínda que nalgúns momentos da súa carreira chegou a aproximarse ao territorio da abstracción. 

Comentarios