Máis

Estas son as 13 praias "aptas" para mascotas na Galiza

Esta verán pódese desfrutar da praia en compañía de mascotas en 13 areais repartidos por toda a xeografía galega. As voces que claman eliminar as restricións de acceso para mascotas son unha medida de presión para os Gobernos locais, que cada vez desbloquean máis espazos entre queixas tamén de parte da veciñanza que se sente molesta polos animais.
Pipper-en-ruta2
photo_camera Pipper foi un dos cans que visitaron a praia de Punta Corveira, no Concello de Barreiros (A Mariña). / Pipper on tour

Cada vez máis persoas con mascotas demandan espazos pet friendly. Este concepto designa os lugares que admiten o acceso dos animais de compañía e que garanten un tratamento adecuado para eles. Segundo as disposicións do Ministerio para a Transición Ecolóxica incluídas na Lei de Costas, por norma xeral está prohibido o acceso dos animais ás praias durante o período de tempo comprendido entre maio e setembro. 

A pesar das reticencias iniciais das institucións, as continuas demandas da cidadanía apreman as Administracións para que  permitan o acceso das mascotas a espazos públicos como as praias, aínda que o proceso é relativamente lento.

Este verán o número de praias que permiten a entrada de animais queda en 13, unha cifra pequena en comparación á totalidade de areais que existen. O Plan de ordenación do litoral que publicou a Xunta da Galiza en 2019 identifica case 1.000 praias (987), das cales 745 son naturais, 200 urbanas e 42 urbanas con plan de protección. Isto implica que a porcentaxe de praias que contemplan a entrada de animais é de 1,3%.

En declaracións a Nós Diario, o educador e adestrador canino Octavio Villalzala expresou a súa insatisfacción co número de praias que permiten entrar ás persoas coas súas mascotas: "Tendo en conta que o número de animais de compañía cada vez é maior, as praias dispoñíbeis son insuficientes". 

Villalzala rexeita a distinción entre praias para cans e praias para persoas, e considera que eses espazos naturais deberían estar abertos para os cidadáns e para os seus compañeiros. O adestrador considera viábel promover un modelo sostíbel de convivencia nas praias. Isto ten que partir da "responsabilidade individual" das persoas que levan o seu animal á contorna. 

Para el educar ben o can, respectando os ritmos do animal, é imprescindíbel. Cre que pagan "xustos por pecadores" a falta de hixiene dalgunhas  persoas que non atenden as mascotas. A pesar de que aínda queda moito traballo de concienciación pendente, Villalzala envía unha mensaxe positiva: "avanzouse nos últimos tempos".

As 13 praias que permiten o acceso dos animais son: O Espiño e o Portiño (O Grove); a Cunchiña (Cangas); praia de Cesantes e praia de Chapela (Redondela); O Castelete (Vilagarcía de Arousa); praias da Foz e da Calzoa (Vigo); praia do Areal (A Pobra do Caramiñal); a praia canina de Ares (Ares); praia da Madalena (Cabanas) Punta Corveira (Barreiros); praia de Penoural (Burela).

O Espiño e O Portiño

O Espiño e o Portiño sitúanse na parroquia de San Vicente, no Grove (O Salnés), un ao lado do outro e perto do porto de Pedras Negras. Xuntas constitúen unha praia dunha lonxitude de 75 metros con area branca e fina.

A Cunchiña

A praia da Cunchiña, en Cangas (O Morrazo) ten uns 100 metros de longo e 15 metros de ancho. É unha praia de area que termina en zona de rochas.

Cesantes e Chapela

As praias de Cesantes e Chapela localízanse no Concello de Redondela (comarca de Vigo). Son contornas atractivas que convidan o público a desfrutar o verán nese recinto.

O Castelete

A praia canina do Castelete, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), conta con todo tipo de comodidades para as mascotas e os seus donos. O recinto está valado para que os animais poidan xogar e correr en liberdade pero tamén coa tranquilidade de que están seguros. Existen dúas entradas para peóns e unha fonte con auga corrente e papeleiras, ademais dunha zona de herba e bancos. 

Praias da Foz e da Calzoa

A praia viguesa da Foz parte da desembocadura do Río Lagares. Este areal, que linda coa praia da Calzoa, forma unha serie de marismas pouco antes da súa entrada no mar. 

A praia da Calzoa ten unha extensión de 175 metros de lonxitude por 35 metros de ancho. Ofrece unha ampla variedade de servizos: duchas, unha fonte e teléfono público nas inmediacións.

Praia do Areal

A praia do Areal atópase na  Pobra do Caramiñal (Barbanza). É unha praia urbana que presenta unha  lonxitude de 1.100 metros e 20 de ancho. O seu chan está formado por area fina e dourada. Localízase xunto ao paseo marítimo.

Praia canina de Ares

A praia canina de Ares, no concello homónimo, foi un dos primeiros espazos deste tipo que se habilitaron na comarca de Ferrolterra. O concello decidiu destinar un pequeno tramo da praia urbana da localidade para o uso dos cans. A súa lonxitude é de 1.100 metros. Está situada na enseada de Ares, e discorre paralela ao paseo marítimo. Perto de alí existe un  arboredo que conta cunha área de pícnic.

Praia da Madalena

A praia da Madalena está situada na parroquia do Porto, no Concello de Cabanas (Eume). A area é branca e fina e a praia está situada a carón dun piñeiral que durante o verán se converte nun espazo de encontro de familias e mascotas. No propio piñeiral tamén hai un estabelecemento de comidas. En 2020 habilitáronse 150  metros ao final do areal para destinar esa zona ao uso dos animais de compañía.

Punta Corveira

A praia de Punta Corveira, en Barreiros,  foi o primeiro areal da comarca da Mariña no que estivo permitido acceder con cans, en 2017. Igual que no resto de praias con acceso canino permitido, existe unha normativa específica na que figuran as accións permitidas e as non permitidas. 
Os cans poden acceder sen correa, excepto as razas que sexan potencialmente perigosas; é obrigatorio recoller os excrementos dos animais; a mascota debe estar controlada en todo momento; os donos teñen que intentar non molestar outras  persoas usuarias e levar a identificación do animal en todo momento.

Penoural

Na praia de Penoural (Burela, A Mariña) está permitido o acceso de mascotas fóra do horario de vixilancia dos socorristas. Está situada nunha zona céntrica, con cafeterías, hoteis , restaurantes e outros servizos.

Comentarios