“A Galiza de hoxe é filla do que aconteceu hai dez anos co Prestige”

Xosé Manuel Pereiro presentou en Santiago o seu libro 'Prestige. Tal como foi, tal como fomos', unha crónica sobre a catástrofe e a súa mala xestión. Xosé Hermida e Miguel de Lira acompañaron o autor nunha presentación cargada de memoria, xornalismo e activismo
Acto de presentación do libro de X.M. Pereiro
photo_camera Acto de presentación do libro de X.M. Pereiro

“ A Galiza de hoxe é filla do que aconteceu hai dez anos co Prestige. A Galiza de hoxe non se entende sen o Prestige, sen a resposta social que houbo”. Deste xeito, o xornalista Xosé Hermida iniciaba a presentación do libro de Xosé Manuel Pereiro Prestige. Tal como foi, tal como fomos (2.0 Editora), que onte se celebrou no restaurante O 16 de Santiago. Na presentación, entre memoria e historia, falouse do petroleiro, de xornalismo de altura, de mala xestión, da marea negra, dos voluntarios, da reacción da sociedade civil e, en definitiva, de país. Un país cuxa sociedade, en palabras do propio Pereiro, “soubo organizarse” ante unha traxedia da que agora se cumpren dez anos. “En Galiza si que hai unha sociedade civil. Unha sociedade que, nese momento, deuse conta de que a Xunta era falible e que o Goberno central non tiña nin idea do que pasaba. Si que hai sociedade civil e toda se puxo a andar na mesma dirección”, lembrou Pereiro, quen asegurou que toda esa “experiencia” foi o máis importante da catástrofe. “E que quedou de todo aquilo? Un intento, un paso. Deuse un paso na catástrofe, houbo esa experiencia. Noutros sitios, ante a traxedia, non se deu. Aquí si”, sentenciou.

A “experiencia que nos quedou” agromou dunha catástrofe que, segundo Pereiro, provocou un “cambio de mentalidade, un trastorno social transitorio dos galegos”. Ese cambio viviuno e contouno Pereiro como xornalista, ao igual que Xosé Hermida quen, xunto a Antón Lado e Miguel de Lira, acompañou o autor nunha presentación na que as referencias ao xornalismo foron tan necesarias como ineludibles. “Foi un gran momento para o xornalismo galego, xa que se demostrou que os xornalistas deste país, cando nos deixan, traballamos con gran profesionalidade”, explicou Hermida, quen lamentou que moitos tivesen a imaxe do xornalismo como unha profesión chea de “canallas”. “Eses son unha minoría que, por desgraza, moitas veces son os que toman decisións. A maioría ten un compromiso claro co oficio. Ademais é unha maioría que arrisca moito por salarios de miseria”, reivindicou Hermida, delegado da desmantelada delegación de El País Galicia.

A Burla Negra unha década despois
Tal como foi, a catástrofe do Prestige deixou en evidencia as miserias dunha mala xestión e, ante a ausencia do Estado, xurdiu a resposta cidadán. Se Hermida se centrou en lembrar a repercusión xornalística, foi o actor Miguel de Lira quen se encargou en rememorar a resposta social ante o chapapote, ante o “dobre manto negro” que cubriu Galiza. “Había dous mantos negros. Por un lado estaba o chapapote, pero tamén tiñamos, polo outro lado, o manto negro da manipulación. Había un chapapote mental ante o que se tomou conciencia”, sinalou o actor, quen lembrou os primeiros pasos da plataforma Burla Negra, que nacera fronte “a catástrofe provocada pola xestión” dun goberno ausente. “Foi un espertar, unha pequena revolución”, sinalou De Lira.

Así nacía Burla Negra, nacía unha resposta social, esa experiencia á que se refire Xosé Manuel Pereiro. “Daquela erguérase todo un tecido organizativo, un movemento social que despois foi derrubado”, explicaba De Lira, cualificando como “un erro histórico” a actuación posterior do bipartito. “Acabaron por cargarse todo un movemento social que nunca debeu morrer. Dixeron que, coa chegada do bipartito, era o momento dos políticos, no da xente”, criticou o actor. “Botar a Fraga fora un logro da cidadanía, pero derrubouse o tecido social durante o bipartito”, lamentou finalmente.

Máis ese movemento social -que, segundo De Lira “morreu”- atópase agora mesmo nunha resurrección, xa que a plataforma Burla Negra abandona o seu letargo e prepara unha serie de actuacións para lembrar aqueles tempos. Baixo o título DesPrestige, a plataforma rebautizada sinxelamente como Burla organiza un conxunto de accións que culminarán o 28 de decembro, día no que morreu o alemán Man, nunha “gran inocentada” para lembrar todo aquilo. “Será unha gran inocentada, pero non podemos adiantar moito máis, non o pode saber moita xente”, explicou , entre enigmático e divertido, Miguel de Lira durante a presentación.

“Situación de Berlanga”

Despois das intervención, comezou un coloquio no que o público se interesou pola visión de Pereiro e Hermida sobre aspectos como as axudas que recibiron os afectados, os voluntarios, as primeiras horas da catástrofe ou sobre a xestión política. “Todo foi unha auténtica situación de Berlanga”, definou o autor do libro, quen lembrou detalles e anécdotas daqueles días. Unha situación na que se permitiu levar un barco moribundo “ao quinto pino” e con protagonistas tan singulares como un ministro de Fomento que, segundo Pereiro, “só lle interesaba follar”. Unha situación berlanguiana que, de ter gobernado outro partido, seguramente se daría igual, dende o seu prisma. “Dubido moito que, un goberno doutra cor tivera arrastrado a porto o barco”, sinalaba Hermida. Pereiro estaba moito máis seguro. Ou quixo ser máis contundente “Non, oh! Eu non teño dúbida de que tampouco o levaban ”, sentenciou Pereiro. Tal como foi e tal como fomos... Quizais non haxa moita marxe para moita dúbida.

Comentarios