A LOITA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA, A FONDO

"Suprimíronse dispositivos, cunha falta de control institucional case absoluta"

O terror machista segue a sementar dor, morte e medos. Aínda así, redúcense os recursos para combatelo. Falamos con Lola Ferreiro, coordenadora do vindeiro A Fondo, nos quiosques xa esta quinta feira.

Lola Ferreiro é doutora en Medicina, especialista en saúde mental e toda unha veterana no activismo feminista. Neste A Fondo que está a tecer sobre violencia machista, vai moito máis aló desa punta do iceberg que, da violencia machista, adoitan amosar os medios de comunicación.

-Coidas que a sociedade ten claro o que a violencia machista é?

Eu creo que non. No imaxinario social neste momento hai unha idea xeneralizadisima de que a violencia machista é só a violencia física, é dicir, as palizas, as labazadas, os tiros, os puñadas, ou todas esa serie de expresións que son das que nos informan maiormente como tales. Esta idea é moi reducionista e moi perigosa porque nos afasta do camiño para a súa erradicación

-En que sentido nos afasta dese camiño?

A violencia de xénero é un fenómeno estrutural, afecta absolutamente a todas as estruturas sociais, politicas e mesmo culturais, e está afianzada sobre un substrato de violencia simbólica, sobre un imaxinario cultural que nos permite non ver a maior parte das súas expresións. Se todo iso non se ten en conta como violencia de xénero e, en consecuencia, non se corrixe e non se loita contra el, o maltrato físico, que é o que agora mesmo está no imaxinario como tales expresións, non vai desaparecer

-Como se enfoca a violencia de xénero neste A Fondo?    

Vaise falar, evidentemente de violencia directa, abordando tamén expresións moitisimas menos visibles ca fisica, pero tamén se vai falar de violencia estrutural, simbólica, sexual...  Vanse tocar todas as dimensións da violencia de xénero. E tamén se vai tocar, evidentemente, o tratamento da violencia nos medios porque ententemos que é importantísimo.

-Nos últimos anos aprobáronse diversos decálogos e iniciativas similares para mellorar o tratamento da violencia de xénero nos medios. Mellorouse algo?

Eu creo que pouco, agás en honrosas e excepcións de certos medios de comunicación, non moi de masas, non moi potentes. Mais eu creo que nos os medios máis xeralizados non se modificou, por desgraza. Entendo que está moi ben chegar a acordos e asinar decálogos, pero convén tamén levalos á práctica.

Alén mitos

-A violencia sexual é outro dos aspectos que se abordará neste caderno de análise. En que medida os estereotipos deturpan a idea do que consideramos por violencia sexual? É certo o mito do home agresor descoñecido que viola na rúa?

O tratamento da violencia sexual está mediatizado. Ocorre o mesmo coa violencia de xénero en xeral. Hai unha tendencia a identificala cunha violación na rúa por un descoñecido a golpe de navalla, e existe, pero é a menor parte e evidentemente as súas expresións son as máis graves.. A maior parte prodúcense no ámbito inmediato:, ou no parella ou por adultos cercanos no caso das crianzas. Eu entendo que todo isto tamén e unha manobra interesada do sistema. O outro suporía poñer en cuestións unha boa parte das relacións familiares e sociais en xeral, e toca a esencia mesma do patriarcado.

-Un dos artigos deste caderniño está redactado por unha profesora de ensino secundario. Cal é a situación da violencia de xénero neste ámbito?

O asunto é para tremer. Hai estudos recentes con porcentaxes elevadísimas que nalgún casos chegan  até o 80% das mozas e dos mozos de 12 a 18 anos, onde non se relaciona o maltrato manifesto coa falta de amor. Parece que é compatible maltratar a unha persoa e quererlle ao mesmo ao tempo. O control da rapaza por parte do mozo a través móbil, os ciúmes... todo iso non só non se identifica coa violencia de xénero, senón que tende a facelas sentirse máis queridas, porque pensan que se preocupan máis por elas. Cando unha muller, unha nena, unha adolescente é así tratada, hai un menoscabo na súa autoestima. Cando chegan as expresións de violencia máis evidentes, xa lle custa moito responder adecuadamente a elas. Por iso é tan importante a coeducación, a educación dos efectos e a educación sexual

"Son poucas as poucas profesionais que traballan con estas mulleres porque os recortes chegaron até aí en primeira instancia."

Recortando recursos

-Por que te decantaches pola psicóloga Lidia Gómez Senra como entrevistada deste A Fondo?

Lidia Gómez Valverde é unha psicóloga de xénero con moitos anos de experiencia con traballo con mulleres en xeral e, en particular con mulleres en situación de violencia directa, pero tamén cobre outra dimensión moi importante, que é a de supervisión das profesionais que traballan con estas mulleres, as poucas que quedan porque os recortes chegaron até aí en primeira instancia. Son persoas que habitualmente comezaron a traballar nestes dispositivos sen que a administración pública asumira a responsabilidade de provelas de recursos para o traballo diario, e son mulleres que teñen dificultades, problemas para a abordaxe, situacións de contradicións persoais... En saúde mental, a supervisión profesional enténdese como a axuda necesaria para identificar por que se produce un problema e como se fai para resolvelo. Hai pouquisimas profesionais que se dediquen a iso no estado. Por outra banda, ten unha visión moi integral e moi global da violencia de xénero.

-Como afectaron os recortes ás profesionais na loita contra violencia de xénero?

Suprimíronse dispositivos e, xa que logo, postos de traballo, e xa antes non había moitos. Hai falta de control institucional case absoluta. Moitos deles son privados, algúns estan en mans de organizacións relixiosas. As profesionais non só diminuíron, no canto de aumentar, que era o que facía falta, senón  que ademais teñen moi poucos mecanismos en marcha para aprender. Esa é a queixa que eu escoito con moita frecuencia.

"Moitos destes dispositivos son privados e algúns estan en mans de organizacións relixiosas"

-En que outros ámbitos da loita contra violencia machista se manifestaron os recortes?

-Houbo recortes até na lei integral de Madrid. Se consideramos que a violencia de xénero é global, as solucións deberían ser máis globais. Non só fan falta máis dispositivos, senón tamén proxectos de prevención serios a desenvolver na escola, que tampouco non os hai, fai falta formación do profesorado, formación específica para as e os profesionais da saúde que permita identificar situacións de violencia de xénero menos evidente e abordar as máis evidentes noutro termo... Por moi vontade que poñan as e os profesionais, que moitas veces a poñen, non abonda.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
comentarios