#sermos119: Dar como pobo un paso adiante polo galego

Neste número falamos dos últimos (e preocupantes) dados sobre uso do galego, entrevistamos a Salvador Cot (Nació Digital) ou Pinto d´Herbón, e contamos como EUA presionou para pechar o mercado da Pedra. Xa á venda!

Capa

Sermos Galiza chega ao número 119 con cada vez máis gañas de informar e de contar cousas e sempre na nosa lingua. Precisamente sobre o estado da nosa lingua vai o tema central desta semana. Falamos con escritores, mestres, con galego-falantes, con xente do asociacionismo... Todo iso para afastarnos de calquer tipo de derrotismo malia os pésimos datos do IGE: Por primeira vez na historia o galego é lingua habitual de menos da metade dos seus habitantes. Como chegamos aquí e, sobre todo, como saímos de aquí son as cuestións as que tentamos responder.

Entrevistamos a Salvador Cot, director de Nació Digital, o medio que é o número un neste momento da internet catalá e que se debruza sobre a información local e comarcal como característica diferenciadora. “A desunión dos partidos non freará o movemento independentista”.

Falamos tamén sobre a segunda fase do proceso Construíndo Futuro que enceta o BNG coa intención de artellar os programas e candidaturas para as eleccións locais de maio de 2015, ás que concorrerá coa marca BNG-Asembleas Abertas

Estados Unidos contra Vigo e Orzamentos

‘Golpe policial contra o mercado da Pedra por presións de EUA’. Unha reportaxe na que falamos Ade como as autoridades españolas lanzan a maior operación contra as falsificacións no mercado vigués, un mes despois de ser incluído na lista negra de comercio da Administración Obama.

Os orzamentos da Xunta non convencen. Entre moitos outros, nin ao persoal público. A CIG convoca mobilizacións para exixir a recuperación do poder adquisitivo e a supresión das actuais taxas de reposición.

O novo presidente da Federación Galega de Confrarías, Tomás Fajardo, afirma nunha entrevista que ““non podemos estar todos os días defendendo o noso posto de traballo”.

E da man de Iago Varela e Luis P. Castelo falamos de como o retroceso do galego na sociedade contrasta coa cada vez maior presenza e uso da nosa lingua na Internet e nas novas tecnoloxías.

Entrevista a Frente Amplio (Uruguai)

O domingo 26 de outubro, Uruguai realiza eleccións presidenciais e lexislativas. A Constitución impide a reelección consecutiva do actual presidente José Mujica, polo que o Frente Amplio-FA apresenta como candidato a Tabaré Vázquez, que xa ocupara a presidencia entre 2005 e 2010. Conversamos con Osvaldo Mendes, da Dirección Nacional e da Área Internacional do Movimento de Participación Popular, a organización con maior presenza das que integran o FA e á que está vinculado Mujica. “A presidencia de Tabaré Vázquez non será un xiro ao centro como algúns vaticinan”.

En Viaxes na Miña Terra imos até as fontes do Miño da man do colectivo Xea. Do Pedregal de Irimia até a Lagoa de Fonmiñá. E entrevistamos a Pinto d’Herbón, que confesa que “a regueifa sempre foi poesía rabuda”.

E na serie ‘Extintivos’ Antón Lopo tráenos a Arturo Baltar. Aos seus noventa anos, o escultor ourensán aspira a “morrer nun camiño cunha certa alegría e, a ser posible, algo colocado”.

'O Outono vén de cine'. Dous festivais e unha exposición. O cine é o protagonista do outono cultural co OUFF- Festival Internacional de Cine de Ourense, Cineuropa en Compostela e a exposición Cinegalicia25 que abrirá na Cidade da Cultura. 
 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios