#sermos117: O país de Feijóo ou a Galiza real

Máis un número do semanario: debate do estado da Nación, fracking, entrevista á escritora Lara Rozados, restricións da Xunta á venda de produtos primarios...e moito máis! Xa na loxa.

CAPA

Máis un semanario de Sermos Galiza na rúa, o nº117. Esta vez co debate do Estado da nación como tema central. As intervencións do debate evidenciaron a existencia de varios países diferentes. Un, o do discurso apoloxético do presidente da Xunta. Outro, a súa antítese, na defensa da Galiza de seu.

Os recortes que non cesan no ensino público tamén os tratamos neste número. Após un mes de se iniciar o curso escolar amoréanse os conflitos en centos de centros espallados por todo o país. Escaseza de profesorado, desmantelamento do servizo de orientación e deficiencias nos comedores escolares sitúanse como os principais problemas. A Xunta, entrementras, rexeita dar solucións e mantén unha actitude “intimidatoria”, denuncian desde sindicatos como a CIG-Ensino.

Galiza, libre de ‘fracking’?

A Xunta asegura non ter recibido solicitude ningunha para a explotación da técnica extractiva ‘fracking’ en chan galego que para o Goberno central é prioritaria.

Outro tema que debullamos neste número é o da restricción pola Xunta da venda directa de produtos primarios. Un novo decreto regula a comercialización directa de produtos agropecuarios en feiras e mercados mais tamén nas explotacións e vendas a domicilio. A medida, advirten @s produtor@s, prohibe produtos elaborados como o pan artesán.

Máis imputacións no PP

Imputada a parlamentar Marisol Piñeiro, un dos nomes do PP para as municipais de Carnota. Segundo puido saber Sermos Galiza, O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza investiga a deputada conservadora pola contratación ilegal dunha traballadora municipal en 2007.

En Tecnoloxía desvelamos da man de Iago Varela a historia detrás do meme, “imaxes e frases convértense en material para a transmisión viral pola Internet”. E informamos do xuízo na Audiencia Nacional a tres independentistas acusados de facer parte de Resistencia Galega.

Unha análise de Rusia e a crise de Ucraína da man de Samir Amin ou unha reportaxe sobre a actualidade do proceso soberanista catalán integran a sección de internacional deste #sermos117.

Lara Rozados: “O Caderno amarelo nace dun tempo de precariedade e hiperactividade”

Entrevistamos a Lara Rozados, xornalista, muller de teatro en sentido amplo -autora, intérprete, promotora, crítica...- e escritora, que está a punto de ver o seu primeiro libro de poesía publicado.

C'O Caderno amarelo vén de gañar o VII Premio de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns. “Non sei se son quen de falar de xeración do dous mil ou dos violentos anos dez que diría Ataque Escampe mais o que si é certo é que, desde a precariedade existe unha rede que relaciona poesía, música, teatro... e toda a creatividade dunha xente que está a traballar de maneira moi cooperativa, con moita solidariedade”.

En Viaxes na Miña Terra coñecemos e visitamos a Lagoa de Cospeito. En Cultura recuperamos a memoria deTeresa Vaamonde Valencia, Luísa Cuesta Gutiérrez, Maria Brey Mariño, María Muñoz Cañizo e Juana Capdevielle, cinco bibliotecarias galega que foron perseguidas polo franquismo e sufriron a represión.

E entrevistamos a Beatriz Figueroa, viguesa impulsora da campaña na que recolleu medio millón de sinaturas: ““O PP négase a ver que as persoas enfermas de cancro están desprotexidas pola lei”.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios