CARLOS A. FERNáNDEZ

“Antes do ‘Made in Japan’ dos Deep Purple ningún grupo quería gravar disco en directo"

O libro Deep Purple. Made In Japan: el directo que cambió la historia del rock debulla todo o que se queira saber sobre as tres noites que variaron para sempre a traxectoria do rock. 

carlos_fdez_e_ian_paiceDP
photo_camera Con Ian, batería orixinal de Deep Purple

Carlos A. Fernández (As Neves, 1966) ten paixón por Deep Purple. Presidente do Clube de Adictos a Deep Purple de Vigo, director da revista Hush, e vencellado ao departamento comercial de Sermos Galiza, de cuxa comunidade, por tanto, fai parte, vén de editar ‘ Deep Purple. Made In Japan: el directo que cambió la historia del rock’ (Quarentena ediciones), moito máis que un libro. É unha enciclopedia de información con todo o que se queira saber sobre un disco que fixo que xa nada volvese ser igual, nin nos grupos de música, nin na industria musical nin no xeito de entender e gozar do rock. Mais non por ter abundantes datos e información é unha obra só para eruditos. Todo o contrario.

-O título do libro xa é contundente, o disco que cambiou a historia do rock. É así, cambiouna?

- Foino e por varios motivos. En primeiro lugar hai que ter en conta que estamos a principios dos 70. Ninguén gravaba discos en directo. Era moito traballo e moito risco. Os propios grupos de música non estaban interesados e as discográficas nin o valoraban. A partir de ‘Made in Japan’ cambia o asunto e xa todos queren gravar un directo. Estamos ante o que pode ser o disco máis rentabel da historia do rock: custou 3.000 libras esterlinas e en tan só 12 meses vendeu seis millóns de copias!

"O disco gravouse cunha mesa de 8 pistas e o enxeñeiro de son metido nos vestiarios do recinto, sen poder ver o escenario"

- E afirma que non só por iso cambio a historia, senón que houbo outros factores..

Houbo. ‘Made in Japan’ tamén supuxo abrir un novo mercado, no oriente de Asia. Xapón até daquela era un sitio onde foran tocar algúns grupos (por exemplo, The Beatles) mais non se vía como algo importante. Desde este disco Xapón pasa ser unha praza devecida e parada obrigada para os grandes grupos e artistas, de Bob Dylan a Metallica, por poñer dous exemplos.

E hai outro motivo máis polo que este disco é tan grande: foi gravado absolutamente en directo, sen retoque ningún en estudio. Por iso reflicte toda a intensidade e toda a sinceridade do directo. E iso que foi gravado cunha mesa de oito pistas e co enxeñeiro de sonido gravando desde os vestiarios do Budokan (lugar onde era o concerto), sen poder ver sequera o escenario onde estaban tocando os Deep Purple!

- Dis que Deep Purple non estaban nun principio moi interesados en gravar un directo..

- Era un risco moi alto para calquera grupo. Se tiñas unha mala noite nun concerto só se enteraban os espectadores, mais se o gravabas... e implicaba moito traballo e moitos cartos. Unha cousa que tiveron os Deep Purple foi garantir que o lanzamento mundial do disco se fixese supervisado por eles, e só se lanzaría a todo o mundo se resultaba ben en Xapón. O disco sae primeiro en Xapón e prodúcese unha avalancha de peticións de copias desde todas partes. Un éxito absoluto.

"É o disco máis rentábel da historia: a gravación do disco custou 3.000 libras. E en 12 meses vendeu 6 millóns de copias"

- Como xorde a idea de facer un libro sobre un disco concreto?

- Pois a idea non foi miña (ri) Eu estaba metido no número especial da revista Hush, polo XX aniversario do Clube de Adictos a Deep Purple. Recibo unha chamada da editorial catalá Quarentena ediciones, especializada en temas de música, propoñéndome que faga un libro sobre o ‘Made in Japan’ de Deep Purple. Toda unha ilusión e un reto! Ía escribir o primeiro libro no mundo sobre o ‘Made in Japan’. Déronme mes e medio de prazo para facelo (ri). Era unha responsabilidade: quería facer unha cousa boa, non unha chafallada; non podía esquecer ningún dado, tiña que facer algo que puidese ler a xente en xeral, sen que tivese que ser un mitómano...

- E optou por moitas voces..

- Na formación de Deep Purple que gravou aquel disco había cinco persoas. Falei das súas vidas, traxectorias, de como se coñeceron... tamén falo, claro, de todo o relacionado co disco e a súa gravación: dados, anécdotas, lembranzas, historias...E tamén decidín contactar con músicos, xornalistas, políticos... para que me respondesen unha simple pregunta: que significou Deep Purple na túa vida?

- Tivo eco esa pregunta?

- Pois responderon. Desde Los Suaves a Burning ou Asfalto, por citar só tres grupos. Fotógrafos como Ross Halfin (AC/DC, Metallica, Iron Maiden…). Xornalistas como Pepe Domingo Castaño. Ou políticos como Patxi López (ex-lehendakari). Non respondeu Tony Blair, do que sabía que na mocidade fora fan do grupo, nin Dimitri Medvédev, que fora primeiro ministro ruso, e que levou a Deep Purple a tocar nun concerto privado para el e amigos.

"Para min, con aqueles 15 anos, era  revolucionario estar nas asembleas de ERGA e era revolucionario chegar a casa e escoitar o disco de Deep Purple"

-Tamén participan no libro varios membros históricos de Deep Purple

- Iso foi a través de Lorenzo Sanz, da discográfica española, ao que coñezo. Comenteille o do libro que estaba a escribir e se habería posibilidade de contar con eles. Díxome: “Esquéceo”. Mais de aí a dúas semanas chamoume dicindo que contestaran Ian Gillan e Roger Golver! Foi marabilloso! As ocupacións nas que andaba mergullado fixeron que a participación de Ian Paice chegara tarde.

- Corre o risco Deep Purple de ficar reducido ao grupo do ‘riff’ de ‘Smoke on the water’?

A eles amólalles moito que se lles coñeza só por ese tema. Ten en conta que foron os primeiros, aló por 1969, en fusionar rock e música clásica. Eran músicos que desde moi novos paetaban todos os sitios onde había música en directo para escoitar diferentes tipos de música. Non son só ‘hard-rock’. En Deep Purple hai blues, jazz... Son un grupo que non ten un disco igual a outro. Mais ‘Smoke on the water’ é o seu tema máis coñecido. Nos 70 e 80 fixeron enquisas en Estados Unidos preguntando cales eran as melodías que máis coñecían os estadounidenses. A primeira foi o himno de EUA, a segunda ‘Smoke on the water’. Había tendas de guitarras cun cartaz na entrada que explicitaba que estaba prohibido probar as guitarras tocando ese riff! (rise)

- Quixeches facer un libro que fose máis alá que para aditos a DP ou mitómanos

- Tíveno claro desde un principio. Tiña que ser un libro que satisfixese tanto aos fanáticos do grupo como que puidese ser lido e desfrutado polo público en xeral. Deep Purple é un dos cinco grupos máis influíntes da historia do rock. Para a miña xeración foi toda unha revolución. Lembro que eu tiña 14 ou 15 anos e que militaba en Erga (Estudantes Revolucionarios Galegos)...e para min era igual de apaixoante e revolucionario participar nas asembleas e mobilizacións de ERGA como escoitar o ‘Made in Japan’ cos amigos! (rise)

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios