MARGARITA VISO, COORDENADORA DO A FONDO

"Na escola non se fala das e dos compositores galegos contemporáneos"

Dedicamos o A Fondo desta semana a poñérmonos ao día sobre a música culta galega contemporánea.

Coñecemos a Rosalía pero ignoramos quen é Marcial del Adalid. No caso das e dos compositores contemporáneos de música culta galega, a invisibilidade é aínda maior. Diso trata o A Fondo desta semana, que coordina Margarita Viso, a presidenta da Asociación Galega de Compositores.

-Por que semella que a música galega clásica non existe? Por que a xente non coñece as e os compositores contemporáneos actuais que se dedican a ela?

-Porque non se dá a coñecer. É unha cuestión de difusión. A Asociación Galega de Compositores fundouse en 1987 para loitar contra iso. Naquel intre xa había un problema de divulgación da música que se estaba a escribir en Galicia, e niso seguimos. Hai diversas circunstancias que contribúen á invisibilidade destes compositores.

-A que tipo de factores te refires?

-Non son soamente cuestións locais. Nos modos de produción da aldea global na que vivimos prima o reality show e o consumo de produtos moi inmediatos, e a música de certa altura e con certa dificultade non é un bo produto para vender. A nivel local, pasa o mesmo.

-Que papel deberan xogar as institucións?

-Deberan ser as que estiveran máis alerta sobre aquilo que está a xurdir, sobre a nosa identidade musical e o fomento do noso. E aquí as institucións, non todas, cometen o erro de fomentar o alleo e non o propio, como dando a entender que aquí non hai nada. Outras non se decatan, nin do propio nin do alleo.

-Cal é a acollida que ten a música galega contemporánea de carácter culto nos medios de comunicación?

-Todo está ligado. Para que se divulgue nos medios, antes tense que producir o concerto. A música tense que executar. Sobre o papel non vale para nada. E iso require uns medios económicos que non son moi caros, en absoluto. A Asociación Galega de Compositores loita por facer ese tipo de concertos no que se dean coñecer as obras. Unha vez se produce o concerto, importa moito que os medios difundan a música por medio da edición de partituras e CDs, a través de internet e dos medios que hai hoxe en día. A Consellaría de Educación recentemente publicou uns traballos dos compositores da Asociación, unhas obras de encargo para estudantes de conservatorio. Fanse cousas, pero non son suficientes.

"A xente descoñece que existen compositores galegos vivos. Se es muller, isto multiplícase por dez" 

-Este A Fondo está dedicado en exclusiva á música clásica contemporánea do país. Que temáticas se abordarán?

-Precisamente a ignorancia do público, condicionada polo feito de que as obras non se divulguen, lévanos ao artigo de Juan Pérez Berná, que parte do descoñecemento da xente ao redor da existencia de compositores vivos. Se es muller, isto multiplícase por dez, e disto fálanos María Mendoza. Tamén contamos cun artigo de Florian Vashi, do Grupo Instrumental Século XXI, que escribe dende a visión do intérprete, pois foi un dos máis interesados na promoción da música clásica galega nas últimas dúas ou tres décadas. E abordamos, ademais, a realidade das bandas, da man de Xosé Carlos Seráns, director da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas.

-As bandas galegas actuais viviron unha evolución destacada nos últimos anos, pouco coñecida…

-Existe un movemento social, especialmente de xente nova, formadísima a nivel instrumental, nunhas agrupacións, as bandas populares, que teñen un nivel moi alto a día de hoxe e que están integradas na Federación Galega de Bandas. Igual que no resto do mundo occidental, a banda sinfónica tivo unha evolución que a converte nun instrumento totalmente diferente á banda que tocaba os pasodobres o día da festa. É algo moito máis amplo, cunha cualificación altísima d@s instrumentistas e cunha seccións de percusión moi engrosada. A xente que se dedica a escribir sobre actualidade musical aínda non se decatou de que estamos diante dun instrumento novo. A Federación Galega de Bandas está ao mesmo nivel de Holanda e doutros países.

"As institucións, non todas, cometen o erro de fomentar o alleo e non o propio. Outras non se decatan, nin do propio nin do alleo."

-O teu artigo reflexiona sobre o modo de vida das e dos compositores, sobre as súas dificultades…

 -Hai séculos, era un oficio cualificado e pagado. É o caso tanto dos compositores que traballaban para a Igrexa como para a nobreza. Cando se instala a burguesía no século XIX, o compositor traballa "por libre" para un público que consome esa música, e o xénero estrela é a opera e o teatro lírico. No século XX, hai un cambio nos patróns de consumo, e os compositores que poden vivir da súa música son os que traballan para o cinema. A día de hoxe, ou estás no mundo do cine, ou no da música lixeira, ou se non es interprete. É moi difícil vivir da música que compós, e non está en absoluto potenciado.  

-Cal é a responsabilidade da escola nese descoñecemento ao redor da música clásica galega?

 -Na escola non se fala de compositores galegos contemporáneos. A xente coñece a Rosalía, pero a Marcial del Adalid, que sería o seu equivalente na música, non. Abórdase a literatura galega medieval galega, pero é que ía con música, e diso fálase moitísimo menos. O artigo de Juan Pérez Berná alude á web do proxecto educativo "A cidade galega dos músicos", que promoveu para darlle a coñecer ao alumnado nomes como Adalid ou Baldomir. A situación da música galega está sen normalizar. Nos programas de estudos dos conservatorios está reflectido nunha letra moi pequeniña que hai que tocar unha obra galega. Está na lei pero aínda non se está aplicando na realidade, porque son rutinas de ensino que van pouco a pouco…

-Cal é a situación do patrimonio musical?

"Canto ao patrimonio musical galego, en comparación, a situación dos dolmens é de luxo" 

-En comparación, a situación dos dolmens é de luxo. Hai investigacións moi puntuais, porque á xente interésalle facer teses doutorais, pero non están apoiadas. Tiña que haber un arquivo musical galego que coordinase os diversos arquivos existentes. A música relixiosa está nas catedrais pero a civil está en mans ou de particulares ou de institucións que recibiron doazóns de persoas con algo máis de visión, como foi o caso de Carlos López García, que doou a súa música ao arquivo de Betanzos. Onde está a obra de Baldomir ou de José Castro González ("Chané) ? Por sorte, no caso de Del Adalid, a súa filla deixou todo na Real Academia Galega e alí está salvagardada.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios