martes 28/09/21
DOROTEA MARTÍNEZ, EX TRABALLADORA DO COMITÉ ANTISIDA DE SANTIAGO

"Hai unha sensación de normalidade, de que temos o control, pero non é certo"

Dori Martínez foi traballadora no Comité anti Sida de Santiago até a súa desaparición. Fálanos do VIH dende a experiencia, nunha entrevista que é un dos contidos do A Fondo desta semana.

DORI

-Foi a do Comité Anti Sida de Santiago unha morte por inanición?

-Non foi exactamente iso. Sufrimos, como todas as ONG, a crise. Foron recortes moi significativos: do 40% un ano e do 60% o segundo ano, malia a termos moita moita máis carga de traballo. A Xunta mesmo pretendía facer probas de detección rápida dándonos material pero sen pagarnos. Iso si, eramos libres de facelas ou non. Déronse tamén outras circunstancias: cuestións de relevo xeracional e o feito de que Santiago era unha cidade xa con bastante rede social. Historicamente os comités cidadáns naceron para morrer, cando se chegara a un nivel de normalización. Non quixemos suplir a falta de fondos con axudas dos laboratorios farmacolóxicos porque non entraba dentro da nosa ética.

-Como valoras as redución das axudas aos comités antisida?

-As axudas eran totalmente insuficientes. Nós, e refírome a todos os comités antisida de Galiza, faciamos un labor bastante amplo de atención global. A nivel de prevención, tiñamos a gran responsabilidade de traballar con distintos colectivos: mozos e mozas, mulleres, persoas maiores, homes que practican sexo con outros homes, profesionais do sexo, persoas presas... Intentamos chegar tamén a contextos educativos. Doutra parte, faciamos atención e apoio ás persoas infectadas e ás súas familias e parellas. Tiñamos un grupo de axuda mutua, faciamos accións de carácter asistencial con usuarios de drogas, con colectivos que non ían a consultas. Tiñamos intercambio de xiringas.

-E para todo iso, canto diñeiro recibiades?

- 30.000 euros coido que foi o que cobramos na última subvención. Era insuficiente polo valor do traballo que facías. A Xunta lanza campañas o Día Mundial da Sida, paga en preservativos e en chutas, e para xa, e igual pasa no Estado. Hai un repunte da sida en colectivos históricos.

-Cales son as causas dese repunte?

-A causa fundamental é a falta da información. Vivimos na era da información pero, como se transmite esa información, a quen chega e de que maneira? Nos 80 e nos 90 houbo campañas bastantes potentes e controvertidas sobre o uso do condón, como o "Póntelo, pónselo". A medida que foron avanzando os tratamentos farmacolóxicos con certa eficacia de control do virus, houbo un relaxamento.

"A Xunta lanza campañas o Día Mundial da Sida, paga en preservativos e en chutas, e para xa, e igual pasa no Estado. Hai un repunte da sida en colectivos históricos"

-Como se manifesta ese relaxamento?

-Hai unha sensación de normalidade, de que temos o control, pero non é certo. E o gran exemplo é o colectivo dos homes que practican sexo con outros homes. Historicamente, xunto cos usuarios de drogas, foron os que máis padeceron a enfermidade, os que máis promoveron a defensas dos dereitos das persoas que teñen VIH. De repente, nas novas xeracións predominan máis as condutas de calquera mozo e moza carentes de información válida para protexerse, e o pouco que nos chega é que non pasa nada, que tomas tres pastillas e xa non morres.

-Este repunte ten que ver con deficiencias na educación sexual afectiva?

-Claro, e con que non hai tantas campañas. Cando recordas a última significativa? Segue a ser necesario retomar as campañas de prevención efectivas, non politicamente correctas

-Cal é o sentido actual da existencia dos Comités AntiSida?

- Cheguei ao ámbito da sida nunha época boa, cando as persoas afectadas empezaban a sobrevivir e despois a vivir. A función dos comités seguía ser asistencial pero con poboacións xa de por si rexeitadas pola sociedade, como os usuarios de drogas, a prostitución, etc.. As persoas que non estaban neses grupos e se infectaban por VIH empezaban a ter unha visión diferente da enfermidade. As parellas quedábanse ao carón da persoa enferma, con información e con coidados. O seu grupo de iguais, tamén. As persoas que chegaban de novo viñan asustadas, pero cando comezaban a sentirse mellor, que podían vivir co VIH,  desaparecían.

-Por que?

-Porque seguían a ter medo a ser identificados como comité antisida. Deixei de percibir a solidariedade que existía como comunidade. Así como noutros padecementos, como no cancro, hai un sentido de pertenza a un colectivo identificado e visible, aquí hai un sentido de pertenza ao grupo pero non visíbel E deste modo nunca imos estar ante unha normalización completa.

"Se calquera de nós ten medo a quedar sen traballo se enfermamos, mais aínda acontece no caso das persoas con VIH. A persoa que ten cancro produce un efecto de solidariedade e sobreprotección, mais esta non é a situación no caso das persoas con VIH."

-Mantense a discriminación?

-Si, aínda que é máis sutil. Nalgunhas plantas dos hospitais aínda seguen marcando as súas historias clínicas con adhesivos verdes ou vermellos. Hai tamén discriminación laboral, por iso non dis que tes o virus. Di ti nun restaurante da zona vella de Santiago que tes VIH a ver quen te contrata!

-Afecta a reforma laboral máis ás persoas con VIH?

- Fomenta máis a invisibilidade. Se calquera de nós ten medo a quedar sen traballo se enfermamos, mais aínda acontece no caso das persoas con VIH. A persoa que ten cancro produce un efecto de solidariedade e sobreprotección, mais esta non é a situación no caso das persoas con VIH.

-Hai conciencia da necesidade de facerse a proba rápida?

-Non, e aí hai unha diferenza de xénero. As mulleres seguen a preocuparse polo embarazo ou outras enfermidades de transmisión sexual, e non polo VIH, porque teñen asociado que iso lles afecta a uns cantos. As campañas da pílula do dia despois pouco favor fixeron a este respecto.

Esta entrevista fai parte do número 90 do A Fondo "VIH: o espellismo da normalidade". Podes atopalo nos quiosques do país, como caderno do número 126 de Sermos Galiza, e tamén tes a opción de compralo por separado na nosa loxa.

comentarios