COMUNIDADES A RECUPERAR AS IMAXES DO SEU PASADO

Un A Fondo sobre arquivos da nosa memoria audiovisual

As comunidades locais están a recuperar na rede a súa memoria fotográfica e audiovisual. Diso fala este A Fondo coordenado por Xurxo González.

capa a fondo

Boa parte da nosa memoria colectiva gárdase nos caixóns das nosas casas, en vellas fotos e vídeos que alí esmorecen. Nos últimos anos, iniciativas xurdidas do tecido cívico están a facer os seus propios arquivos a partir do material que lle achegan os veciños e as veciñas das súas comunidades. Un proceso de recuperación que aproveita as novas tecnoloxías e a rede para facer os seus arquivos. Abrollan  na maior parte á marxe das institucións, a non ser no caso de algún concello involucrado, e cun ritmo moi dinámico ao que lles quedan curtos os lentos procesos lexislativos e burocráticos. Analizámolo neste A Fondo coordenado polo cineasta Xurxo Chirro, director dunha destas iniciativas, o proxecto Socheo, que dende hai un tempo está a recuperar a memoria audiovisual da Guarda.

"Son iniciativas que abrollan  na maior parte á marxe das institucións, a non ser no caso de algún concello involucrado, e cun ritmo moi dinámico ao que lles quedan curtos os lentos procesos lexislativos e burocráticos."

O A Fondo desta semana repasa algunha das máis senlleiras iniciativas que se están a levar a cabo en Galicia, como é O Faiado da Memoria, de Vilagarcía, que non só recupera vellas fotos da veciñanza senón que tamén as pon en valor en exposicións e outros proxectos, o propio proxecto Socheo ou Falame San Sadurniño, que reúne todos os formatos ao seu alcance, dende files e sons até xornais, fotos, lembranzas persoais, cancións ou lendas.  O caderno de análise tamén se achega ao que se está a facer en Portugal, a través da experiencia da asociación "Ao norte"

A creadora de contidos audiovisuais, María Yáñez, expón no seu artigo os desafíos do patrimonio audiovisual galego na rede, que concreta nos seguintes: a dixitalización, o acceso, a flexibilización das licenzas de uso ou a procura de infraestruturas públicas de aloxamento autónomo. "Queremos acceder aos arquivos dixitais a través da web coma quen vai a unha biblioteca e pode explorar, buscar e dispor da información para poder usala", manifesta.

A entrevista, nesta ocasión, será ao arquiveiro Alfonso Cascudo, membro da directiva da Asociación Profesional de Arquiveiros da Xunta. "Sería desexable-afirma- que parte destas iniciativas confluíran en Galiciana", a biblioteca dixital de Galicia.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios