A xustiza anula o contrato do Ofimático e obriga a licitar de novo as obras

Paraliza a construción por considerar irregular o proceder do concello en 2010. O goberno local anuncia que presentará recurso no TSXG.

Ofimático

O xulgado do contencioso-administrativo da Coruña emitiu sentenza a respeito da demanda presentada pola Asociación Ofimático 2010. O colectivo de promotores con terreos en Elviña denunciou irregularidades no proceso administrativo de licitación do proxecto e obras de construción do aparcadoiro parello ao parque industrial. 

Neste senso, a xuíza coida que a decisión adoptada polo Concello da Coruña en 2010 --en mans dun goberno bipartito-- non se axusta a dereito e exixe que a adxudicación se repita. Porén, desde a equipa de goberno local xa avanzaron que recorrerán a sentenza perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). 

Segundo o pronunciamento xudicial a licitación do proxecto e dos traballos de obra --que foran adxudicados a Accina-- non se podía facer de maneira conxunta ao non se dar "as condicións excepcionais" que xustificarían tal decisión, de acordo co fixado no artigo 108 da Lei de Contratos do Sector Público. No concreto, a administración debería ter achegado aqueles motivos de carácter técnico que terían obrigado a vencellar os estudos e os traballos da construción do aparcadoiro no Ofimático. 

Ao non ser así, a xustiza obriga o goberno local --en mans do Partido Popular-- a licitar de novo as obras. Así as cousas, desde María Pita xa avanzaron que recorrerán a decisión e mesmo agardan porder rematar os traballos no tempo que tarde en se pronunciar o Superior de Galiza. A sentenza podería demorar até 2 anos. 

Desde o grupo municipal do BNG aseguran que a sentenza "debería implicar a inmediata paralización" da execución das obras e a conseguinte modificación do Plan Urbanístico Municipal. As nacionalistas insisten en que "esta modificación debe facerse en beneficio do interese xeral da veciñanza, nomeadamente dos veciños e veciñas de Elviña, e non en beneficio dos intereses dos grandes promotores". 

Comentarios