A veciñanza resiste e impide as obras na rotonda de Coia

A veciñanza de Coia impediu, máis unha vez, o desenvolvemento das obras na rotonda do barrio vigués. Un forte dispositivo policial a primeira hora da mañá tentaba que a maquinaria comezase a traballar, o que finalmente non foi posíbel. 

Protesta en Coia
photo_camera Protesta en Coia

A primeira hora desta segunda feira, un forte dispositivo da Policía local escoltaba a entrada da maquinaria para as obras da rotonda de Coia, un proxecto que conta coa firme oposición da veciñanza contra a decisión que o alcalde Abel Caballero defende de maneira contundente. Malia a escolta , a presenza de un grupo de veciños e veciñas conseguiu romper o control policial e instalarse na rotonda o que obrigou aos operarios a abandonar o lugar, segundo informa Vigo Dixital. Dúas persoas resultaron feridas leves por axentes ao tentar cortar o tráfego da Avenida de Castelao e un axente saíu danado ao caer nunha persecución, informa o dixital de Vigo, malia non haber carga policial. 

Asemblea veciñal para tomar decisións

Ás 19 horas da tarde está prevista unha asemblea veciñal na que se decidirán os seguintes pasos a seguir no conflito que enfronta á veciñanza co goberno municipal. Abel Caballero xustifica a instalación do Bernardo Alfageme na rotonda de Coia argumentando que cidades como a Coruña ou Baiona contan tamén cun barco nunha rotonda. Segundo sinalou en rolda de prensa, non van “retroceder” por accións como as protestas veciñais. 

Segundo informa o xornal Vigo Dixital, a veciñanza prepara tamén un escrito para presentar na Fiscalía xa que contan con sospeitas de irregularidades nas obras, como a falta de expediente público ou mesmo a relación que existe da empresa construtora, Civís Global, coa administración local. Polos datos que teñen na súa man, o concello de Vigo adxudicou este ano obras por un valor superior a 35 millóns de euros a Civis Global. A veciñanza oponse a que o goberno municipal invista 300.000 euros en converter un barco en peza ornamental nunha rotonda nun tempo no que se experimentaron os máis duros recortes sociais. 

Comentarios