Ponte Solidario, unha loita veciñal contra a exclusión social en Ponteareas

Ponte solidario_
photo_camera Durmida no salón de plenos [Imaxe Ponte solidario]

Levan máis de dous anos traballando porén, até a xornada de onte (17 de marzo) as súas iniciativas non ocuparon capas na imprensa nacional. Ponte Solidario é un movemento social xurdido en Ponteareas na "loita contra a exclusión" que atinxe a boa parte da veciñanza da localidade. Até o de agora traballan con "65 familias" do concello, explica en conversa con Sermos Galiza, unha das persoas que o integran, Bryan. Trátase de máis de dúas centas persoas que serían máis se non se visen limitados os seus recursos humanos, materiais e económicos. 

"Hai 30 familias agardando", acrecenta, para facer parte da batería de accións que puxeron en andamento. Un banco de alimentos e de roupa; obradoiros de empregabilidade, aulas particulares para crianzas e mesmo unha vivenda de aluguer social que conseguiron coa axuda dunha empresa da localidade. Tarefas que, coidan, son responsabilidade dun goberno municipal que onte --en sesión plenaria-- lles virou formalmente as costas. 

O goberno municipal víralles as costas

O colectivo decidiuse a presionar pola vía institucional o goberno de Ponteareas. Neste senso, recompilaron apoios de organizacións políticas, sindicais, colectivos veciñais, sociais e persoas a título individual coas que presentaron un Informe de Mínimos no Pleno. O seu obxectivo é impulsar unha batería de medidas que garantan sobre necesidades básicas como impedir os cortes de luz a familias que non poden afrontar economicamente a factura ou o acceso a alimentos, roupa e material escolar. 

Ponte Solidario disponibilizou unha vivenda social e desenvolve programas alimentarios, educativos e obradoiros de empregabilidade

O informe defende o dereito a "unha vida digna" afastada "da caridade e a beneficencia". "Nacimos con vocación de axuda", explica Bryan, mais tamén "de acción social" á fin de contribuír a que as familias beneficiarias das axudas "superen esa situación" e axuden a outras a trazar o mesmo camiño. 

Así as cousas, desde a corporación municipal Ponte Solidario só obtivo os apoios de BNG e PSdeG. Pola súa banda, PP e ACIP (independentes) negáronse a votar favorabelmente a moción presentada na que se demandaba a aprobación do Plan de Mínimos e a creación dunha Mesa social aberta que, como órgao municipal, permitise deseñar as accións man a man cos colectivos, organizacións e movementos sociais que a integren. 

O PP e ACIP votaron en contra da moción presentada, logo abandonaron o salón de plenos após suspenderen a sesión

Inicialmente o rexeitamento de PP e ACIP baseouse nunha cuestión formal ao aseguraren que tal e como foi presentada a proposta a mesa era inviábel desde o punto de vista legal, ao que Ponte Solidario respondeu en sesión plenaria cunha emenda que, segundo a secretaria municipal, axustaba a dereito o órgao proposto. 

"Isto é o comezo"

Após votaren en contra por segunda vez o alcalde de Ponteareas, o popular Salvador González, suspendeu a sesión e abandonou o salón de plenos xunto c@s representantes do PP e ACIP. 

Desde Ponte Solidario afirman que "un compromiso" como o que están a demandar á equipa de goberno municipal "non significa absolutamente nada para eles". Porén, advirten que "isto é o comezo, non o final". Até o momento, afirman, "foi un proceso de información" sobre a situación económica e social que atinxe Ponteareas. 

Neste senso, avanzaron que continuarán a loitar por unha "mudanza na dinámica dos servizos sociais municipais" que simbolizaron cunha durmida solidaria no propio salón de plenos do concello. A seguir, convocarán unha asemblea extraordinaria no local de Ponte Solidario o día 27 de marzo na que procurarán trazar a folla de rota a seguir e o calendario de mobilizacións. 

Comentarios