MANIFESTACIóN

A comarca da Coruña cítase pola rexeneración integral da ría do Burgo

A Plataforma pola Defensa da ría do Burgo convoca para este mediodía unha mobilización para chamar a atención sobre a necesaria rexeneración integral das augas.

Ría do Burgo
photo_camera Ría do Burgo

Todos os outonos, a Plataforma Galega pola Defensa da Ría do Burgo organiza unha manifestación na que reclama a rexeneración integral da ría. Nesta ocasión, a marcha, que percorrerá unha distancia aproximada de 3 km. partirá ás 12h da Casa das Palmeiras (O Paraugas-O Temple) para rematar no xardín botánico do Concello de Culleredo.

Con esta mobilización, as persoas activistas reclamarán a asignación de fondos por parte do goberno do estado, ao que consideran responsábel do seu calamitoso estado. A Plataforma denuncia que a cada ano é maior o deterioro da ría, así como das consecuencias negativas no medio ambiente, na economía, no marisqueo e no turismo.

A organización pon de manifesto que até o de agora déronse “escasos avances” na recuperación medio ambiental da ría e acusa o Goberno español e a Xunta de Galiza de incumprir “as directivas europeas sobre tratamento de augas residuais urbanas” e “a calidade esixida ás augas para a cría de moluscos”. “Estes incumprimentos están agravados pola irresponsabilidade, incompetencia e desidias do Goberno central e da Xunta, incapaces de sentar para acordar un calendario de actuacións reais”, afirma a Plataforma.

O colectivo máis afectado polo deterioro da ría é o de mariscadores e mariscadoras. “As sucesivas actuacións da Consellaría do Mar de negar alternativas e solucións ao sector marisqueiro” empobrecen máis este colectivo, que se ve na obriga de faenar “nunha ría en constante degradación e que cada ano reduce máis a súa capacidade produtiva”. Ao respecto, na visita da delegación da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, impulsada pola representante do BNG, Ana Miranda, a instancias da Confraría de Pescadores da Coruña, a europarlamentar austríaca liberal Angelika Werthmann sinalaba “vin lixo, refugallos e pezas de metal flotando. Se alguén captura marisco aquí e a xente o come, realmente estou moi preocupada”.

Comentarios