DADA A FALTA DE GARANTíAS SANITARIAS

O BNG esixe a paralización total do traslado ao novo hospital de Vigo

Ao BNG non lle vale o “reprogramamento” anunciado pola Xerencia do Sergas para o traslado ao novo hospital de Vigo. Diante da “falta de garantías sanitarias básicas”, a organización nacionalista reclama a “paralización total” da derivación da actividade ao novo centro.

[Imaxe: Xunta de Galiza]. Visita de cargos institucionais do PP ao novo hospital de Vigo
photo_camera [Imaxe: Xunta de Galiza]. Visita de cargos institucionais do PP ao novo hospital de Vigo

Dada a grave situación que atravesa o novo hospital de Vigo, denunciada por pacientes e por profesionais, o BNG convocou unha rolda de prensa de urxencia para reclamar a “paralización total” dos traslados. A organización nacionalista, que aludiu á “falta de garantías sanitarias” básicas, puxo de manifesto a “alarma” e o “caos” provocados polo “proxecto estrela de Feijóo” para Vigo.

O BNG emprazou o presidente da Xunta a explicar na cidade olívica “que está pasando co hospital e coas citas coas axendas fechadas en moitas especialidades”. Nesta rolda de prensa, na que participaron as parlamentares Carme Adán, Montse Prado e Daniel Rodas e o responsábel local da organización, Henrique Viéitez, presentáronse dúas proposicións de lei nas que se reclama “garantir que o novo hospital de Vigo teña unhas mínimas condicións para as persoas doentes” e “responsabilidades ao Partido Popular”.

Alén de esixir a paralización total do proceso de traslado ao novo hospital mentres non se resolvan todas as deficiencias detectadas e se garanta a seguridade e a calidade asistencial, o BNG reclama que se habilite un servizo de aparcadoiro gratuíto, que non se lles cobre ás persoas doentes por accederen a TV ou internet e a posta en marcha dun plan de transporte público e intermodal para toda a área sanitaria.

O traslado ao hospital representou “unha temeridade” a xuízo do BNG

O BNG expuxo na rolda de prensa que a paralización do traslado “confirma que son clamorosas as deficiencias do hospital e que houbo unha total falla de control e de planificación da obra”. Amais de cualificar de “imprudente” comezar co traslado cunha obra sen rematar e sen contar co persoal sanitario, as nacionalistas cualificaron de “temeridade” a apertura do centro hospitalario.

A organización nacionalista, que pregunta se as deficiencias detectadas se deben ao aforro de material, salientou que “todos os problemas confirman o tremendamente prexudicial que ía ser para a sanidade o proceso de privatización que promove o PP”. De aí que o Bloque esixa a depuración de todas as responsabilidades políticas, comezando pola dimisión da conselleira de Sanidade e do Xerente. Tamén reclamou o BNG que Feijóo compareza de inmediato no Parlamento para dar explicacións.

O Bloque aproveitou a rolda de prensa para lembrar a manifestación convocada para esta quinta feira (3 de setembro) pola Xunta de Persoal do CHUVI.

O PSOE esixe responsabilidades políticas

Tamén hoxe, a través dun comunicado, o PSOE esixiulle a Feijóo que adopte "de forma inmediata responsabilidades políticas" logo da "irresponsabilidade sen procedentes" e do "caos" causado por unha concelleira "con incompetencia probada".

Comentarios