MEDIO AMBIENTE

Adega esixe máis protección para o Parque de Corrubedo

A canteira de Casalnovo leva 23 anos operando a escasos metros do Parque Natural de Corrubedo. Adega volve denunciar a actividade “manifestamente incompatíbel” destas instalacións.

Casalnovo-canteira
photo_camera Casalnovo-canteira

Explosións, ruído de maquinaria pesada e o pó en suspensión son algunha das consecuencias que sofre o Parque Natural de Corrubedo por mor da canteira de Casalnovo, unha explotación situada a escasos metros que desenvolve a súa actividade desde hai 23 anos. A asociación ecoloxista Adega denuncia que as instalacións de procesado de rocha para area e grave e o parque de maquinaria están dentro da superficie do espazo protexido.

Adega tamén alerta de que a canteira provoca sedimentos que son arrastrados pola auga até a lagoa do Carregal. Lembra tamén que hai uns meses unha voadura en Casalnovo guindou unha rocha de 4kg contra unha casa a medio quilómetro da explotación . De aí que a asociación ecoloxista sinale que no parque natural máis visitado da rede galega os prexuízos da canteira non sexan só naturais.

Neste contexto, Adega volve exixirlle á Xunta de Galiza maior protección para o Parque de Corrubedo, pois continúa sen contar cun Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais (PORN) actualizado e sen un Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX), malia ser obrigatorio por lei. Consecuencia da falta de protección, “multitude de actividades agresivas téñense desenvolvido na súa contorna e mesmo no seu interior”, denuncia a asociación ecoloxista.

O PP meteu o Plano de Ordenamento dos Recursos Naturais no caixón

Adega acusa o Goberno do PP de “meter no caixón” o Plano de Ordenamentos dos Recursos Naturais redactado en 2007 polo bipartito. Elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela, o plano custou 80.000 euros e foi “esquecido” desde que o PP chegou á Xunta.

“Alén de adaptarse á nova lexislación europea, estatal e galega, o documento estabelecía unhas condicións ambientalmente máis dignas para este emblemático espazo: ampliaba a superficie do Lugar de Interese Comunitario (LIC) un 79%, o que supón máis de 16.500 hectáreas, e conectaba o parque co sector norte, no concello de Porto do Son, tamén na Rede Natura através dun corredor ecolóxico”, salienta Adega.

A asociación ecoloxista alerta de que, con estes antecedentes, o complexo húmido de Corrubedo atópase na “encrucillada”. Ou “vira nun santuario representativo da natureza galega” ou segue sendo “un espazo á deriva no que os seus valores e potencial fican ao servizo dos intereses especulativos, urbanísticos e industriais”.

Comentarios