Revólvense contra a ''fuga de cerebros'' e un investimento en I+D+i cada vez menor

Centos de persoas protestan en Galiza baixo o lema Con I+D+i hai futuro convocad@s polo movemento 'Carta pola ciencia' após coñecer que en 2011 o gasto do Goberno español caeu até o 1,33% do PIB. O colectivo Precarios-Galicia informa de que o panorama no Estado "é moi escuro" para @s cientistas
photo_camera Concentración en Ourense [@perezrodriguezp]


Con I+D+i hai futuro. Foi o lema que colocaron nas faixas os centos de persoas que esta cuarta feira secundaron na rúa a convocatoria de concentracións feita polo movemento 'Carta pola ciencia', apoiado a nivel estatal polos sindicatos UGT e CCOO e posto en marcha após coñecer os últimos datos do Instituto estatal de estatística sobre o investimento español en investigación, desenvolvemento e innovación: en 2011 caeu até o 1,33% do PIB, fronte ao 1,39% de 2010 e fronte ao 2% de media na UE.

Na Galiza as mobilizacións estiveron apoiadas por Precarios-Galicia co obxectivo de "denunciar a actual fuga de cerebros que está sufrindo o noso país, xunto cos avances científicos e tecnolóxicos que se están a perder". Nunha entrevista concedida a unha radio local, o voceiro deste colectivo, Andrés Pérez, alertou de que "a situación para o sector científico está a se volver insostíbel" e informou de que as protestas teñen por obxectivo "facer recapacitar o poder político da necesidade de manter os investimentos".

"Aos políticos éncheselles a boca dicindo que hai que gastar en investimento e en inovación, mais non se fai, e tamén se aproveitan de que á cidadanía non lles chegan os beneficios directos da ciencia", explica Pérez, quen recoñece a fenda que existe entre @s cientistas e a sociedade e que esta "comprenda como funciona a ciencia". Os orzamentos xerais do Estado para 2013 contempla aínda máis recortes, avocando a est@s profesionais a marchar fóra. "Aquí o panorama é moi escuro, hai moita xente que está a marchar", ao acumular unha tesourada do 31% nos últimos dous anos e dun 38,67% desde 2009.

"Hai moito material científico e aparellos que se mercaron hai uns anos e agora están en desuso", explica Andrés Pérez, remarcando que os recortes en persoal levan da man que cada vez se poñan en marcha menos proxectos de investigación. "Se se para unha investigación non se pode retomar dentro dun ano desde onde estabas pois os proxectos son como o motor dun carro: por moito que pises a fondo, tarda un tempo en arrincar", exemplificou Pérez.

Máis en Ciencia
Comentarios