O SORRISO DE DANIEL QUERE SALVAR O ÚNICO MOSTEIRO EN PERIGO NA RIBEIRA SACRA

A por San Paio de Abeleda!

Chove a chuzos o día de Pascua cando acompañamos a Carme Varela, da directiva da asociación O Sorriso de Daniel a Castro Caldelas. Trátase dunha visita máis para preparar o proxecto “Arriba San Paio de Abeleda!”, unha iniciativa que tenta evitar o derrubamento da igrexa e o único mosteiro en perigo na Ribeira Sacra. O lema é o que conduce todas as súas accións: “o patrimonio, sen a veciñanza, ten menos valor”.
Persoas batizadas en San Paio de Abeleda
photo_camera Persoas batizadas en San Paio de Abeleda (Soledad Felloza)

Carme Varela aproveita un día de lecer para continuar cos preparativos da campaña en Castro Caldelas. De camiño, aproveita para explicarnos a filosofía do sorriso de Daniel, a idea que conduce o seu singular xeito de actuar para defender, conservar e darlle valor ao noso patrimonio. Non son só un grupo con “devoción” polo románico, que tamén, senón un colectivo que ten vontade de facer partícipe á sociedade do seu entusiasmo, de contaxiar a súa paixón diante dun mosteiro ou unha igrexa. Agora as súas miras están postas en San Paio de Abeleda, o único mosteiro da Ribeira Sacra que está neste momento en perigo de derrubamento. E alá vai Carme Varela de avanzada a preparar o terreo para a nova acción. 

Nas case dúas horas de camiño relata a historia recente e a situación do mosteiro. A clausura da igrexa como parroquial prodúcese en 1972. Anos máis tarde o Bispado de Ourense véndella a unha sociedade formada por catro socias. A sociedade corre diferentes avatares, mesmo cambian os seus socios e finalmente acaban por revenderllo novamente ao Bispado. A constructora Gestab de Xosé Luís Táboas fíxose no ano 2006 coa propriedade do mosteiro nun contrato que incluía a reforma da igrexa. O ambicioso proxecto inicial paralizouse coa crise económica e San Paio continuou esmorecendo mentres a viciñanza vía como o seu futuro perigaba. Dalgún xeito, responsabilizáronse da súa custodia e así rescataron nunha ocasión a súa pila bautismal a piques de ser roubada. A pila na que se bautizaran tantos veciños e veciñas de Abeleda.

Consolidar os muros
Esa mesma pila é o elemento central da acción que agora bota a andar O sorriso de Daniel. Procuraron ás persoas que se bautizaron coa súa auga bendita e Soledad Felloza –autora da foto desta información- retratounos de novo na pila na que se cristianaran, agora depositada nunha das parroquias de Abeleda. As imaxes, xunto con textos de persoas do mundo da cultura, formarán parte da exposición que nos próximos meses demandará un futuro para San Paio de Abeleda.
Para levar a cabo a súa acción, a Asociación O sorriso de Daniel conta coa enerxía das Asociacións de veciños de San Paio de Abeleda e Cocas e Danzantes de Santa Tegra. Carme Varela estivo xa con Soledad Felloza tirando as imaxes para a exposición. Ao chegar recíbena con agarimo, coma unha máis de Abeleda e comprácense de compartir con ela o mesmo obxectivo. “O urxente é consolidar os muros da igrexa” comentaba Carme de camiño, despois de explicar que a maior riqueza patrimonial se atopa neses elementos do monumento. “Temos que consolidar os muros” repiten nas casas de Abeleda, cunha expresión que xa forma parte da súa fala. Consolidar os muros.


Animosa directiva, persoas entusiastas

Dentro dun tempo, as imaxes das últimas persoas bautizadas na pila da igrexa de San Paio de Abeleda pendurarán polos camiños do lugar. Chamarán a atención sobre a urxencia da conservación mais serán un reclamo dun valor máis prezado, da relación de afectividade que a veciñanza ten co seu patrimonio. Desde cada casa do val, o mosteiro imponse coa súa fermosura e nas ventás das súas casas, as persoas que habitan cada día a aldea e as que veñen de ferias agardan a que esa panorámica non desapareza nunca dos seus ollos.
Carme Varela, a emisaria de O sorriso de Daniel, abandona a aldea xa case na noite. Volve para a cidade despois de contribuír a consolidar unha nova misión, cos ollos postos na Abeleda. Insiste en falar do animoso espírito da directiva e das persoas socias de O Sorriso de Daniel. Polo camiño relata outras iniciativas como a limpeza colectiva de Pardollán a través do seu “De-ambulatorio románico” ou aquel momento no que puxeron a tocar as campás das igrexas románicas da Ulloa, únicas testemuñas que podían conmemorar en pé os 500 anos do nacemento da feira de Monterroso. En todas elas, cos veciños e veciñas porque, ao seu ver, coa súa participación, o patrimonio ten máis valor.

 

 

Máis en Arte imaxe patrimonio