Decorrerá en Ribadeo a segunda edición de 'Músicas e Letras en feminino'

O evento desenvolveu a primeira edición en Mondoñedo e este ano trae a Uxía, Naír e Noemi e a Coral Polifónica de Ribadeo.

Uxía

Co obxectivo de promocionar a creación artística das mulleres galegas, tanto daquelas que se achegan ás diferentes artes dunha forma amateur, de desenvolvemento persoal, como daqueloutras que forman parte de proxectos artísticos profesionais, naceu hai un ano o Concerto Música e Letras en feminino. Organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, na primeira edición, o ano pasado en Mondoñedo, contou coa actuación de Ugia Pedreira e Fred Martins e do grupo de pandereteiras Alesancia. Para este ano a organización escolleu a Uxía, acompañada do músico brasileiro Sérgio Tannus, e Naír e Noemi, dúas das compoñentes do grupo de Meira Irimia Cantareiras e a Coral Polifónica de Ribadeo.

Aliás, entre as actuacións musicais, rapazas do IES Dionisio Gamallo Fierros e do IES Porta da Auga de Ribadeo lerán diferentes textos poéticos de autoras vinculadas á Mariña, como Luz Pozo, Olalla Cociña, Marica Campo, Luísa Castro, Carmen Blanco ou Ugia Pedreira.

O concerto terá lugar a sexta, 1 de xuño, ás 21:30h no Cine Teatro de Ribadeo. O prezo xeral da entrada será de 3 euros, 1 euro para o estudantado.

 

 

 

Máis en Ao vivo
Comentarios