O cinema que vén: 15 estreas para 2015

Comeza un novo ano, así que toca a pertinente lista do que se presenta no horizonte cinematográfico. Unhas cumprirán as expectativas e outras defraudarán… pero estas non mas penso perder: 

birdman
photo_camera Michael Keaton

1. BIRDMAN de Alejandro González Iñárritu

O 2015 comeza con forza. Aclamado por público e crítica, o filme de Alejandro González Iñárritu será sen dúbida unha das mellores películas do ano. Comedia negra arredor dun actor (Michael Keaton) que interpreta a un súperheroe. Desas que dá gañas de non sabermos moito para deixarnos sorprender. Grandes expectativas. Estrea en xaneiro.

2. WHIPLASH de Damien Chazelle 

Película independente arredor do mundiño musical con varios premios xa as súas costas: Sundance, Nova Iorque, Valladolid... Promete unha historia honesta, boa música e un duelo interpretativo entre o mozo Miles Teller e o veterano J.K. Simmons (o mítico xefe do periódico da saga Spiderman de Sam Raimi). Outra que ule a cinema do bo. Estrea en xaneiro.

3. O FRANCOTIRADOR de Clint Eastwood

Unha de Clint Eastwood sempre é motivo para achegarse ás salas. Desta volta baséase na historia real arredor dun francotirador norteamericano destinado en Irak. Sabendo como as gasta Clint nas películas ‘bélicas’ (O sarxento de ferro, Bandeiras dos nosos pais, Cartas desde Iwo Jima) apunta a que pode ser un punto álxido na carreira do octoxenario director. Estrea en febreiro.

4. CHAPPIE de Neill Blomkamp

Chega outra película futurista do visionario director surafricano Neill Blomkamp (Distrito 9, Elysium). Aparte do seu actor fetiche Sharlto Copley, incorpora as estrelas Hugh Jackman e Sygourney Weaver. Comedia de ciencia ficción arredor dun robot con sentimentos. Ten boa pinta. Estrea en marzo.

5. WOLF TOTEM, O ÚLTIMO LOBO de Jean-Jacques Annaud

Jean-Jacques Annaud, un dos máis reputados directores franceses do momento, retorna ao xénero de aventuras para pechar a súa particular “triloxía animal” que iniciara con O Oso, continuara anos despois con Dous Irmáns (sobre tigres) e que parece rematar con esta que fala de lobos. Como naquelas promete moita conciencia ecoloxista, aventuras e unha preciosa fotografía. Película para toda a familia. Estrea en abril.

6. OS VINGADORES 2: A ERA DE ULTRON de Joss Whedon

O 2015 tamén trae a súa boa ración de cinema de súperheroes. Repiten tod@s os da primeira (Iron Man, Hulk, Capitán América, Thor…) e con algunha sorpresa máis. Pretende repetir o éxito da primeira parte nunha segunda algo máis escura con máis acción, máis épica e máis aventura.  O espectáculo está servido. Estrea en maio.

7. MAD MAX: FURIA NA ESTRADA de George Miller

Volve Mad Max con Tom Hardy (Locke) substituíndo Mel Gibson no rol do tolo Max. Comparte cartel cunha Charlize Theron tamén desatada e cun cambio de look que dará moito que falar. Futuro post-apocalíptico, coches, acción e moita mala baba nunha das secuelas máis esperadas do ano. Estrea en maio.

8. JURASSIC WORLD de Colin Trevorrow

Outra secuela para mediados de ano. Apunta a que as ideas en Hollywood comezan a escasear, pero o de sempre… acabas picando. Montan un parque de atraccións de dinosauros que xa quixeran os de Loro Park onde “todo está controlado” pero, por suposto, algo sairá mal e todos os visitantes correrán perigo. Non pasa nada, Chris Pratt (Guardiáns da Galaxia) estará aí para salvalos a todos sen despeitearse. Estrea en xuño.

9. TERMINATOR XÉNESES de Alan Taylor

E outro que volve. Pero este con máis razón que outros… porque é Arnold Schwarzenagger: ‘o que sempre volve’. E faino nada máis e nada menos que a 1984, no comezo da saga cando querían matar a Sarah Connor. Trama ao estilo de Regreso ao Futuro 2, onde pasado, presente e futuro se mesturan para tratar de encaixar todo para que todo saia como ten que saír. A ver se o conseguen... Estrea en xullo.

10. REGRESIÓN de Alejandro Amenabar

Un filme dirixido por Alejandro Amenabar debería ser xa suficiente como para marcar en vermello a data de estrea. Se por riba engadimos un reparto internacional con nomes como Ethan Hawke e Emma Watson, pois que queredes que vos diga... Película arredor dunha regresión psicolóxica para chegar a esclarecer uns feitos que non son, nin moito menos, o que esperabamos. Estrea en setembro.

11. SPECTRA de Sam Mendes

Outra entrega máis da saga de 007 a cargo de Sam Mendes que repite tras Skyfall, considerada unha das mellores películas de James Bond de todos os tempos. Desta volta Daniel Craig enfróntase á mítica organización terrorista SPECTRA cun poderoso vilán encarnado polo oscarizado Christoph Waltz. Como ‘chicas-bond’: Monica Bellucci e Léa Seydoux. Estrea en outubro.

12. O DESCOÑECIDO de Dani de la Torre

Luís Tosar conducindo a toda velocidade polas rúas da Coruña cunha bomba baixo o asento que estoupará se non cumpre uns requisitos ben definidos que vai recibindo a través do móbil? Cando se pode reservar a entrada!? Tamén aparece Javier Gutiérrez, Luís Zahera, María Mera, Ricardo de Barreiro e Antonio Mourelos, entre outr@s. Produce Vaca Films. Estrea en novembro.

13. THE MARTIAN de Ridley Scott

Antes da segunda entrega de Prometheus, Ridley Scott trae outra de astronautas con Matt Damon tentando sobrevivir no planeta vermello. Unha sorte de Apollo 13 mesturado con Náufrago que está baseado no best-seller de Andy Weir. Poderá facernos esquecer Ridley Scott a focha que supón Exodus na súa carreira? Ou será engulido novamente polos efectos especiais de pantalla verde? Estrea en novembro.

14. ST. JAMES PLACE de Steven Spielberg

Para a súa esperada nova película Steven Spielberg volve contar con Tom Hanks no papel principal encarnando un avogado recrutado pola CIA en época de Guerra Fría. Thriller á vella usanza con guión dos irmáns Coen... garantía de que a historia discorrerá por rumbos pouco manidos. Estrea en decembro.

15. STAR WARS VII: O ESPERTAR DA FORZA de J.J. Abrams

Unha das películas máis agardadas de todos os tempos chega a finais de 2015. Tras ver o tráiler quedei satisfeito, pero a medias... Por unha banda parece que J.J. Abrams prescinde en gran medida das molestas faíscas de luz que enchen todos os seus filmes... e tamén sae o Falcón Milenario! Por outra banda... que carallo significa esa espada do malo?! E o balón jabulani? En fin... supoño que está exposto a moitas presións de todo o mundo, así que deámoslle un voto de confianza. Estrea en decembro.

Máis en: http://www.facebook.com/criticadcinema

Máis en Ao vivo
Comentarios