Obelleiro resalta en Ourense a relevancia dun xornalismo galego

O Salón nobre do Liceo de Ourense acolleu esta cuarta feira un novo acto da campaña coa que Nós Diario celebra a publicación do seu número 1.000, que sairá do prelo o vindeiro sábado, 11 de novembro. Ademais, na quinta feira, 9 de novembro, haberá un acto similar en Ferrol, no salón de actos do Antigo Hospicio da cidade das Burgas. 

O evento desta cuarta, organizado pola AC Auriense baixo o lema "Mil números editados, mil subscricións máis", contou coa participación do presidente da entidade ourensá, Daniel Gómez, da poeta de Xunqueira de Ambía (comarca de Allariz-Maceda), Rochi Nóvoa, do avogado e integrante do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., Nemesio Barxa, do presidente da empresa editora deste xornal, Xoán Costa, e da directora de Nós Diario, María Obelleiro.

A directora destacou o papel "indispensábel" que xoga o xornal para conseguir "sacar do ostracismo temas de actualidade que os poderes públicos, nomeadamente a Xunta da Galiza, queren agochar". Pola súa parte, Costa asegurou no acto que "Nós Diario depende de que haxa máis subscritoras e subscritores e máis apoio social".

Acto de 'Nós Diario' en Ourense (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acto de 'Nós Diario' en Ourense (Foto: Nós Diario).
Comentarios