Morre un home no incendio dunha vivenda en Betanzos

Un home faleceu na tarde desta cuarta feira no incendio dunha vivenda situada na rúa Alcalde Beccaría da localidade de Betanzos (As Mariñas). Fontes dos servizos de emerxencia indicaron que a vítima é un home duns 70 anos de idade que se atopaba no interior do piso no que residía, na cuarta planta do edificio. O incendio orixinouse arredor das 17.30 horas, cando alertaron os veciños do inmóbel. Desprazáronse até alí os bombeiros do parque comarcal, a Policía Local e Protección Civil. O incendio produciuse en dúas habitacións da vivenda e o resto do inmóbel viuse afectado polo fume. O falecido foi localizado inconsciente no baño da súa vivenda, onde se lle practicaron manobras de reanimación, sen éxito. Finalmente os bombeiros lograron sufocar o lume.

Sede do 112 (Foto: Europa Press).
photo_camera Sede do 112 (Foto: Europa Press).
Comentarios