Adeus ao teletraballo: o persoal da Xustiza da Galiza volve traballar presencialmente desde hoxe

A Dirección Xeral de Xustiza vén de trasladar aos seus traballadores unha circular do Ministerio de Xustiza na que se informa do fin do teletraballo decretado pola pandemia a partir desta mesma terza feira. Desde agora deberán acudir de novo a cada centro de traballo o 100% dos efectivos dos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación e auxilio xudicial e médicos forenses, sen prexuízo das licenzas e permisos correspondentes, non sendo posíbel exercer o teletraballo mentres non se aprobe a súa regulación específica no ámbito da Administración de Xustiza. Fontes sindicais atribúen ao Goberno galego a decisión de pór data de fin ao teletraballo e lembran que Andalucía, Asturias e Aragón mantéñeno. A Xunta, porén, replica que a orde procede do Ministerio.
Xulgados de Santiago (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xulgados de Santiago (Foto: Nós Diario).
Comentarios