Lidia Cao, muralista: "A maxia da arte urbana é transmitir mensaxes visuais con certa poesía"
—A túa obra destaca polos retratos femininos. Que buscas transmitir a través desas miradas?
Non é un retrato da miña identidade pero, se cadra, si que é un reflexo. Síntome máis cómoda desa maneira, quero transmitir unha historia interna, unha reflexión sobre a psique humana. Busco evocar esa mensaxe introspectiva e deixar oco á interpretación de cada individuo, en función das súas vivencias persoais.
—A túa paleta de cores, inspirada no solpor, é un trazo característico da túa arte. Como desenvolviches un estilo propio que agora é tan recoñecíbel?
Comecei coa pintura cando descubrín o muralismo, antes traballaba máis con tinta ou lapis sobre papel. Gústame pintar por pracer e reproducir calquera elemento que me produza calma. Para min esas cores son como a miña hora favorita, é como unha metáfora da vida: o solpor é un momento precioso pero non dura moito tempo.
—Pintaches murais en lugares tan diversos como Irlanda, Guinea ou Hong Kong. Como te preparas para intervir nun espazo tan alleo?
É distinto e, á vez, non o é tanto. Alguén poder non coñecer un idioma, mais as imaxes pode entendelas igual, á marxe da lingua que fale. A ilustración é unha linguaxe universal. Se falamos de connotacións culturais, en Asia atopei que determinados elementos que eu entendía dunha forma concreta tiñan significados moi diferentes para a poboación nativa. Falar cos habitantes dun lugar pode axudar a comprender a idiosincrasia propia desa comunidade.
—Hai un debate sobre o uso da intelixencia artificial para xerar imaxes imitando o estilo Ghibli. Debe protexerse máis a propiedade intelectual das creadoras?
Entendo a intelixencia artificial como unha ferramenta. Non se pode obviar o feito de que este tipo de tecnoloxía xerativa se basa en imaxes que xa existen, non está creando nada novo, senón que reproduce a obra dunha persoa real que ten imaxinación, creatividade e que pasou por un proceso de traballo para facelo. Quen coñece a Miyazaki sabe que el promove unha mensaxe ecolóxica e a intelixencia artificial vai en contra dese principio.
—Que relación observas entre arte urbana e revitalización do territorio?
No rural os murais xeran maior interese, a xente presta máis atención a como se transforma a súa contorna. Na cidade, a arte urbana pasa máis desapercibida porque é máis común, por iso é máis difícil conectar co público. Traballar no rural é unha oportunidade para ampliar o patrimonio artístico e visual deses espazos e contar historias á veciñanza a través de novas perspectivas. A maxia da arte urbana é transmitir mensaxes visuais con certa poesía.