Isabel Rebollido, astrofísica: "Non hai un momento de 'eureka' no que decides que queres ser; valo decidindo co paso do tempo"

Isabel Rebollido (Boiro, 1989) tivo claro desde secundaria que quería dedicar a súa traxectoria profesional á astrofísica. É consciente, porén, da influencia dos contextos familiares á hora de cursar uns estudos, como tamén de que a maioría das científicas son "xente normal", di.

Isabel Rebollido. (Foto: Arxina)
Isabel Rebollido. (Foto: Arxina)

—En que momento decidiches que a Astrofísica ía ser o teu porvir?
A verdade é que non o sei, non houbo un momento de eureka, de “isto cambioume a vida”. Creo que non existe para ninguén, é un proceso que vas decidindo co tempo, o que pasa é que eu decidino moi cedo, pois antes de entrar na ESO xa sabía que quería ser astrofísica. Tíñao clarísimo.

—Na túa adolescencia eras consumidora de libros, de documentais etc?
Tampouco tantísimo, era máis friki doutras cousas. Si que me gustaban moito os documentais, a serie Cosmos, lía libros e revistas... mais non era alguén que tivese todas as cousas do espacio, planetas e estrelas por todas partes. Tiven épocas, como todo o mundo; nunha interesoume moitísimo a música, noutra a bioloxía, en terceiro ou cuarto de ESO tiven un momento de ser escritora... mais non era moi obsesiva con esas cousas.

—Que pensas que precisarían as Isabel Rebollido adolescentes que hai agora por aí para decidiren que a ciencia é para elas e que non perdan a vocación?
Estabilidade familiar. Para facer unha carreira que tarda tanto en dar un rendemento económico ou unha estabilidade tes que ter un soporte social tremendo. E eu tíveno, tiña unha familia moi estábel e nunca houbo un problema gordísimo; a crise de 2008 na miña casa tocou como en todas, mais non afectou a miña capacidade de centrarme no que eu quería. Pérdese moita xente por falta de estabilidade familiar, que no 90% dos casos vai ligada á estabilidade económica. Moitos talentos pérdense porque desde moi pequenos están pensando, “teño que traballar”, “teño que axudar os meu pais”... ou métense en situacións conflitivas ou ambientes sociais complexos. E despois está a cuestión de xénero: cando hai problemas ou cousas que facer na casa as mulleres son as primeiras afectadas. Se hai que ir á compra, tócalle a filla; se hai que amañar o coche xa vai o fillo, mais os labores da casa, que están sempre presentes, dá igual o teu ambiente familiar, sempre recaen nas mulleres. Desde moza tiña claro que nalgún momento eu debería ir fóra para facer o grao, o mestrado ou o doutoramento, e pola miña personalidade mais tamén pola situación familiar non me importaba marchar da casa. Se na túa casa todo o mundo está ben, ninguén ten ningunha enfermidade e non hai ningún problema de diñeiro non te preocupa irte; marchas uns meses, volves e xa está.

—Cómpre tamén desdramatizar a carreira científica, que moitas veces se divulga como se fose unha cousa heroica, de sufrimento constante.
Hai esa idea de que os científicos son xente xenial ou brillante... ou non, igual unha científica é unha persoa normal que traballa moitísimo, como creo que é o 99% dos casos. Eu coñezo algunhas persoas realmente brillantes que teñen unha mente espectacular, mais a maioría, eu incluída, somos xente relativamente normal que traballamos nisto.

Comentarios