Candela Lema, emprendedora: "Co galego podemos chegar a calquera parte"
—Como xurdiu a idea de crear a túa tenda en liña de artesanía e moda sostíbel?
Desde cativa sempre fixera cousiñas artesanais –por exemplo, as típicas pulseiras–, sempre vin a miña nai e a miña avoa coser. Foi como unha forma de continuar a tradición que eu aprendera na casa. Comecei a facer gancho pola miña conta, subía as prendas que facía e os meus traballos a 'Mellores amigos' de Instagram para compartilo coas miñas amizades. Foron elas quen me animaron a facerme unha conta especializada niso, porque era unha forma de compartilo fóra do meu círculo. Cando abrín a conta comecei a gañar seguidores, vin que a xente se interesaba polas pezas que facía e algunhas persoas mesmo me preguntaban se facía encargos. Máis tarde decidín profesionalizarme e abrir a miña propia páxina web.
—En que medida cres que a Costa da Morte inflúe na túa maneira de traballar, na estética das túas pezas ou mesmo na filosofía do teu negocio?
Creo que a influencia é absoluta. Ao final, como se pode ver no meu perfil, todo está en galego, que é algo que tiña clarísimo. Eu non quería cambiar o meu idioma para sacar adiante este proxecto. Si que é verdade que cando comecei a subir contido a TikTok houbo persoas que me dicían que cambiase ao castelán porque seguro que me vería máis xente, e eu negueime totalmente. No seu momento non sabía se ía ter saída mais agora podo dicir orgullosa que si que a ten. Inspírome moito na zona na que medrei e intento que todo sexa acorde á maneira de vivir de aquí e a cultura que se transmite.
—Nun contexto dixital como o actual, cres que as redes sociais son unha ferramenta útil para emprender?
Hoxe as redes sociais son a base; se non estás neses espazos non existes, por desgraza. Ás veces cústame bastante compaxinar a parte máis creativa e de produción con ter que tirar fotografías ou crear contido. Pero se unha semana estás máis inactiva en redes nótase moito o descenso de vendas e a redución de xente que ve o teu contido, e ninguén pode permitirse iso cando está empezando.
Se non estás nas redes, non existes
—Como foi o recibimento do público? Tes unha idea aproximada de cantos encargos recibiches ou de como evolucionou a demanda?
A acollida foi moito máis positiva do que agardaba, sempre hai xente que te vai apoiar e outras persoas que non tanto. Para min foi incríbel, mesmo o tema do galego nunca foi unha barreira. Fálame xente de Madrid, de Barcelona e de València. Cando ves que esta xente che fala, dáste de conta de que co galego podemos chegar a calquera parte.
—Xestionar un negocio propio pode ser absorbente...
É imposíbel ter unha xornada laboral. Ademais, no meu caso, até hai pouco traballaba na miña habitación. Aínda que agora adaptei unha zona da miña casa para isto, ao final o meu traballo é a miña vida. Non só é confeccionar os bolsos, tamén é xestionar a páxina web e contestar á xente. A miña vida xira arredor disto agora mesmo.
—Que significa para ti ter o teu propio negocio e vivir da creación?
Para min é un orgullo, porque é un sector que sempre me encantou e que formaba parte do meu lecer. Nunca pensara que podería ser posíbel convertelo no meu traballo e o feito de que conseguise abrir a miña propia páxina web para min é un grande orgullo.