Opinión

Os 'gallegos' de Fariña

Contaba un exiliado republicano español que o despoxaran da súa nacionalidade unha vez chegado á Arxentina, pasando de ser español a ser galego. É de todos sabido, incluso dos máis castizos centralistas, que en países como Cuba, Arxentina, Uruguai ou Venezuela non existen españois, son todos galegos ou vascos. 

A emigración vasca á Arxentina, Uruguai ou a Venezuela, principalmente a posterior á guerra civil, antepuxo a súa nacionalidade vasca, loxicamente, antes que a pertenza legal ao Estado español. Os exiliados vascos en Venezuela entraron co pasaporte do Goberno Vasco, Igarobide, e moitos deles morreron e voltaron a Euskadi sen ter nunca un pasaporte español, pois o fixeron xa como venezuelanos.

Decenas de miles de galegos chegaron a América sen ter coñecido nin o territorio español nin a lingua de Castela e tendo coma única identidade xeográfica e cultural o seu país: Galiza.

O recoñecemento identitario destes chegados a América vén da súa autoidentificación como galegos e non como españois, autoidentificación que nunca faría un aragonés, un andaluz, un murciano ou un leonés. Por esa autoidentificación nestes sitios de América identifícanse os galegos polo que son, gallegos

O recoñecemento identitario destes chegados a América vén da súa autoidentificación como galegos e non como españois

 

Por iso non deixa de ser un acerto, imperceptíbel para moitos, que os narcotraficantes da serie Fariña sexan definidos identitariamente polo que son, galegos, por parte dos narcos panameños e colombianos, dous países nos cales a emigración galega é anecdótica e onde, polo tanto, non están afeitos a chamar gallego a todos os españois. Esta identificación acertada e axeitada vén dos narcos da ría de Arousa cando se presentaban eles mesmos ante os narcos panameños e colombianos.

Renxe que na actualidade os descendentes de galegos en América, fillos e netos, se definan como españois, algo que non fixeron os seus devanceiros, dos que adquiriron o dereito a unha cidadanía como a española, e afirmen que marchan vivir a España cando marchan vivir á Coruña ou a Vigo.

Comentarios